O BNG de Ribadeo denuncia a falta de respostas sobre o remate das obras do Hospital-Asilo

AMariñaXa
Os nacionalistas cuestionan tamén o destino de 320.000 euros do convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e advirten do risco de pagar dúas veces por traballos xa certificados
bng-ribadeo-martin-graña-2026
20 Nov 2026

O futuro das obras do Hospital-Asilo de Ribadeo continúa sen contar cun calendario definido. Así o denuncia o grupo municipal do BNG, que asegura que o alcalde, Daniel Vega, non concretou no Pleno ordinario de novembro cando estarán rematados os traballos nin aclarou as discrepancias existentes arredor de varias partidas pendentes de executar.

A formación nacionalista considera preocupante que, tras meses de atrasos e unha prolongada paralización da actuación, o goberno local siga sen ofrecer unha previsión sobre a conclusión do proxecto. As obras tiñan inicialmente como prazo de finalización abril de 2025.

Desde o BNG lembran que o rexedor atribúe os problemas á entrada en concurso de acredores da empresa adxudicataria e responsabiliza da situación ao anterior executivo municipal. Porén, os nacionalistas cuestionan que non explique as decisións adoptadas durante o proceso nin por que non se seguiu a recomendación dos técnicos municipais, que en abril de 2024 xa propoñían rescindir o contrato ao advertir dificultades na execución.

Outra das cuestións que centraron as preguntas do BNG foi o destino dos 320.000 euros previstos no convenio asinado co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para financiar unha nova fase das obras. Desa cantidade, 183.000 euros corresponden ao equipamento da cociña e da lavandería, mentres que os 136.000 euros restantes están destinados a diferentes instalacións.

Neste segundo apartado figuran varias unidades de obra que xa provocaran discrepancias durante a resolución do contrato coa anterior empresa. Segundo a documentación examinada polo grupo nacionalista, algunhas actuacións aparecían nas certificacións como executadas malia que os elementos correspondentes non estaban instalados no edificio.

A concelleira Raquel Ferreira preguntou reiteradamente se esas partidas volverán incorporarse ao novo contrato e se se abonarán de novo, así como que garantías existen para impedir posibles duplicidades no gasto público. Segundo denuncia o BNG, o alcalde non resolveu estas dúbidas nin precisou que cantidades están xa certificadas e que traballos quedan realmente por realizar.

"Non podemos permitir que se pague dúas veces polo mesmo traballo. Estamos falando de diñeiro público e o alcalde ten a obriga de dar explicacións, non de marear a veciñanza cada vez que preguntamos por esta obra", afirma Ferreira.

A edil insiste en que, despois de anos de demoras, a cidadanía merece coñecer tanto a data prevista para a conclusión do Hospital-Asilo como o investimento que aínda será necesario. "Non abonda con anunciar que as obras se retoman: hai que explicar que se fixo, que queda por facer e que se pagou ata agora", sinala.

O BNG reclama así ao goberno de Daniel Vega maior transparencia sobre unha actuación que continúa sen unha data definitiva de remate e que mantén desprazadas as persoas usuarias do centro desde hai anos. A formación considera necesario aclarar o estado real dos traballos e as cantidades pendentes antes de avanzar na nova contratación.

0.14577388763428