O BNG de Ribadeo demanda negociar para asegurar as cortas de madeira

AMariñaXa
Os nacionalistas reiteran que o depósito de fianza volva a ser obrigatorio para todas as empresas madeireiras
bng_ribadeo
13 Nov 2024

O grupo municipal do BNG de Ribadeo presentou unha moción para que o depósito de fianza volva ser obrigatorio para todas as empresas do sector da madeira. Nas últimas horas o PP presentou a súa proposta para volver modificar a ordenanza, despois da primeira modificación que fixeron a finais de xaneiro deste mesmo ano, na que suprimían a obrigación. Para buscar o consenso e a estabilidade e evitar que a norma se estea modificando cada poucos meses, o BNG buscará un acordo co PP.

Pablo Vizoso declarou: “ Como xa dixemos hai poucos días, a última modificación da ordenanza fracasou estrepitosamente, en tan só 7 meses, por verse obrigado o concello a prohibir as cortas por primeira vez na historia. Desde este grupo municipal cremos que é necesario achegar estabilidade á norma para asegurar un correcto funcionamento das cortas e sacas de madeira, e máis tendo en conta os graves incendios do ano pasado. Facer dúas modificacións dunha ordenanza no mesmo ano é un signo de inestabilidade e mala planificación. Debemos recordar que a ordenanza orixinal levaba en vigor desde o ano 2013 e nunca dera que falar porque funcionaba de xeito correcto. Advertimos reiteradamente que isto ía pasar, pero agora xa foi e debemos buscar solucións.”

Vizoso propón: “Nós non somos partidarios de aumentar as sancións, xa que coa ordenanza orixinal nunca fixo falta sancionar nin executar unha soa fianza, co aviso de execución era suficiente para que as empresas levasen a cabo o arranxo. Inda así, se o goberno considera que é unha ferramenta útil estamos dispostos a apoialos, pero a cambio de que recuperen a obriga que levamos meses reclamando. Estabilidade e negociación é o que ofrecemos. Protexer a veciñanza é o máis importante.”

0.17358803749084