O BNG de Ribadeo critica "o oportunismo do actual equipo de Goberno respecto ao banco de préstamo de material ortoprotésico"
O BNG de Ribadeo vén de criticar as "mentiras, o oportunismo, as medias verdades e o pouco sentido da ética do actual equipo de Goberno respecto ao banco de préstamo de material ortoprotésico para as familias".
Así, din que a concelleira de Saúde e Servizos Sociais no mandato 2011-2015, Teresa González Piñeiroa, foi "quen puxo en marcha o servizo de préstamo de material ortoprotésico".
"O seu enorme esforzo, a súa gran capacidade de traballo, e o seu saber dialogar con todos os sectores implicados, permitiulle desenvolver un servizo que era pioneiro na nosa contorna", din desde o BNG, "foi un servizo que se consolidou ao longo dos diferentes mandatos e que supuxo un grande alivio para as familias que se viron na obriga de facer fronte a unha situación tan complicada, material e emocionalmente, como poder atender con dignidade un ser querido que precisa de material ortoprotésico para facer máis levadía a vida tanto del mesmo como da súa familia".
"Agora resulta, segundo o actual equipo de Goberno, que foi Daniel Vega, quen logrou poñer en marcha este servizo de préstamo ortoprotésico", sinalan os nacionalistas, "unha vez máis, incapaces de dicir con seriedade e rigor que dito servizo segue en marcha, empéñanse en magnificar unha noticia negando a existencia de todo o traballo feito polo anterior goberno".
"Foi tamén Teresa González Piñeiroa quen puxo todo o seu empeño para sentar as bases da que sería a nosa residencia de persoas maiores da que tan orgullosos nos sentimos", engaden, "foi un traballo en equipo que tivo como alicerce fundamental para a súa posta en marcha, todo o estudo de viabilidade e necesidade de dito servizo".
https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/ribadeo-amxa/239711/