O BNG de Ribadeo critica a falta de mantemento do campo Pepe Barrera

AMariñaXa
O BNG de Ribadeo critica que a falta de planificación e criterio no mantemento do campo Pepe Barrera durante o último ano conleve imprevistos como o traslado do Campus do Atlético de Madrid
pepe-barrera-ribadeo-campo
28 Xul 2024

O BNG de Ribadeo critica que a falta de planificación e criterio no mantemento do campo Pepe Barrera durante o último ano conleve imprevistos como o traslado do Campus do Atlético de Madrid ao campo do Outeiro da Devesa. ”Durante un ano vimos de observar en incontables ocasións que o abandono no mantemento do campo de fútbol municipal por parte do goberno do PP derivou en malas condicións no estado do mesmo ou incluso imposibilidade de uso”, sinala o voceiro do BNG Pablo Vizoso.

Asegura que o último destes contratempos “é o traslado do campus organizado polo Atlético de Madrid na semana do 29 de xullo ó 2 de agosto ó campo do Outeiro na Devesa, coas molestias que isto ocasiona para organización e participantes. Cremos que a contratación dunha empresa especializada anunciada esta semana chega tarde, e amosa unha vez máis a improvisación e a falta de criterio deste goberno: só a escasos días da celebración do Emma Cuervo comezan os traballos de recuperación do campo”.

En varias ocasión, “temos preguntado no pleno quen se encargaba do mantemento do Pepe Barrera e con que criterio, e o alcalde Dani Vega respostou de todas as formas posibles: primeiro con evasivas; asegurou, despois, que unha empresa privada da que non deu datos nin se tivo coñecemento, e rematou dicindo que serían operarios do propio concello os que se encargarían destes traballos”.

“Estamos afeitos aos cambios de rumbo nos pareceres do alcalde, pero fartos de que os mesmos traian consecuencias negativas para Ribadeo e as súas instalacións municipais”, remata.

0.16406893730164