O BNG de Ribadeo critica a falta de coordinación das obras e os eventos na vila

AMariñaXa
A formación nacionalista denuncia atascos na Avenida de América e problemas de acceso na contorna da Praza do Campo, e reclama ao Goberno local unha maior planificación das actuacións
BNG-Ribadeo-Martin-graña-e-Raquel-Ferreira
11 Aug 2026

O BNG de Ribadeo volveu cuestionar a xestión do Goberno municipal do PP en materia de mobilidade e organización do espazo público. A formación nacionalista considera que a coincidencia de obras e eventos está a provocar importantes problemas de circulación e molestias para a veciñanza, unha situación que atribúe á “falta de planificación” do executivo local.

Un dos puntos nos que centra as súas críticas é a Avenida de América, actualmente afectada pola execución de obras. Segundo a concelleira nacionalista Raquel Ferreira, os traballos chegaron a ocasionar caravanas de case tres quilómetros e retencións que dificultan tanto os desprazamentos diarios dos residentes como a mobilidade das persoas que visitan Ribadeo.

Desde o BNG recoñecen que calquera actuación na vía pública implica inevitablemente certas molestias, pero consideran que corresponde ao Goberno municipal organizar os tempos e os traballos para reducir o seu impacto. “Un goberno responsable e competente organiza as actuacións e os tempos de xeito que eses trastornos sexan os menos posibles para o día a día da xente”, sostivo Ferreira.

A formación tamén puxo como exemplo os problemas rexistrados esta pasada fin de semana na rúa Buenos Aires e na contorna da Praza do Campo. Segundo a versión dos nacionalistas, coa primeira destas vías xa afectada por obras, a instalación dun escenario o sábado complicou aínda máis a circulación e os accesos.

Ferreira asegura que a situación chegou a impedir a saída dalgúns garaxes e tamén afectou aos vehículos estacionados no aparcadoiro da rúa do Pipelo, que, segundo denuncia, quedaron sen unha alternativa para abandonar a zona que non implicase circular en dirección prohibida.

Para o BNG, estes episodios non son feitos illados, senón que evidencian deficiencias na coordinación das actuacións municipais. A formación critica tamén a falta de información previa e considera necesario establecer alternativas cando obras ou actividades culturais e festivas condicionen a circulación habitual.

Os nacionalistas sosteñen que a celebración de eventos debe ser compatible coa vida diaria da veciñanza e coa actividade dos establecementos da vila. Neste sentido, Ferreira advirte de que unha programación sen suficiente previsión pode repercutir na mobilidade e dificultar o funcionamento dos negocios das zonas afectadas.

O BNG responsabiliza desta situación ao executivo encabezado por Daniel Vega e considera que, despois de tres anos de mandato, persisten os problemas de organización. A concelleira reclama un cambio na forma de xestionar o municipio e pide máis planificación, diálogo e capacidade para anticiparse ás consecuencias das diferentes actuacións.

“Ribadeo precisa e merece unha xestión á altura, que planifique, que escoite e que solvente os problemas en lugar de crealos”, concluíu Ferreira.

0.11851096153259