O BNG de Ribadeo considera que os orzamentos presentados son "irreais"

AMariñaXa
Nacionalistas sinalan que foron deseñados en función dos gastos desexados para o próximo ano
bng_ribadeo
23 Dec 2024

O BNG de Ribadeo afirma que os orzamentos presentados polo goberno municipal destacan pola súa falta de realismo e unha elevada previsión de ingresos pouco axustada á realidade. O concelleiro nacionalista responsable de Facenda, Vicente Castro, sinalou que os documentos orzamentarios incluían numerosos erros en importes e asignacións de gastos, que tiveron que ser corrixidos antes da súa aprobación no pleno do pasado venres.

Os orzamentos, ao igual que os do ano anterior, están "claramente inflados" segundo o BNG, suxerindo que foron deseñados en función dos gastos desexados para o próximo ano, e non baseándose en datos reais. Exemplos desta situación serían os 900.000 euros previstos no ICIO, cando en 2024 só se recadaron 140.000 euros a principios de decembro, ou os 243.000 euros estimados en taxas por licenzas urbanísticas, fronte aos 40.000 euros ingresados no ano anterior. Estas cifras poñen de manifesto unha previsión de ingresos que o BNG cualifica de “desmesurada e irreal”.

Ademais, segundo denuncia o partido nacionalista, as partidas destinadas a investimentos diminúen un 16 %, mentres que as de cultura caen un 40 %. Pola contra, aumentan as destinadas a festexos (58 %) e publicidade e propaganda (100 %). Estas decisións poñen en dúbida, segundo os nacionalistas, a capacidade inversora do Concello, especialmente porque en varios proxectos non se inclúe a parte correspondente ao propio municipio, o que dificultará a súa execución no futuro e obrigará a buscar fondos noutras partidas.

Finalmente, o BNG tamén critica a xestión do alcalde Daniel Vega, sinalando que a súa credibilidade queda "seriamente cuestionada" tras diversos cambios de criterio e as queixas de colectivos sociais sobre a súa falta de claridade nas reunións mantidas nas últimas semanas. Segundo o Bloque, estes orzamentos reflicten unha xestión pouco eficiente e unha planificación que non responde ás necesidades reais de Ribadeo.

0.16619396209717