O BNG de Ribadeo carga contra a celebración dunha macrofesta nas Catedrais durante o eclipse solar

O BNG de Ribadeo amosou a súa oposición á programación prevista nas inmediacións da praia das Catedrais con motivo do eclipse solar do próximo 12 de agosto, ao considerar que a organización dunha macrofesta nocturna é incompatible coa conservación dun espazo natural protexido. A formación nacionalista acusa ao Concello de Ribadeo e á Xunta de Galicia de apostar por un modelo baseado no espectáculo e na promoción masiva en lugar de priorizar a protección ambiental.
Os nacionalistas lembran que o eclipse será un acontecemento astronómico de relevancia internacional e consideran que debería aproveitarse para fomentar un turismo vinculado á divulgación científica e ao respecto polo patrimonio natural. Pola contra, censuran que o programa inclúa unha pantalla xigante e actuacións musicais, entre elas a dunha orquestra de gran formato, nas proximidades do areal.
Desde o grupo municipal sosteñen que a praia das Catedrais non precisa novas campañas de promoción, ao tratarse dun dos enclaves turísticos máis visitados de Galicia e cun elevado nivel de afluencia durante o verán e a Semana Santa. Ao seu xuízo, o reto pasa por mellorar a xestión das visitas e preservar o espazo, en lugar de incrementar a presión sobre o Monumento Natural.
O BNG tamén cuestiona as condicións nas que se desenvolverá un evento nocturno nunha zona de especial protección ambiental. Entre as súas preocupacións figura a seguridade das persoas asistentes, a posibilidade de accesos indebidos aos cantís e ao areal, así como o impacto que poderían ter o incremento do tránsito de persoas, a xeración de residuos ou a contaminación acústica e luminosa.
A formación lembra que a praia das Catedrais está catalogada como Monumento Natural, forma parte da Rede Natura 2000 e conta coa figura de Zona Especial de Conservación (ZEC), polo que entende que calquera actividade debería desenvolverse baixo criterios de máxima protección.
Os nacionalistas vinculan esta situación coa recente decisión de pechar temporalmente a praia por motivos de seguridade, un feito que, segundo indican, evidencia a vulnerabilidade do enclave e a necesidade de adoptar medidas que limiten a presión sobre o espazo.
Neste contexto, o BNG critica que continúe sen desenvolverse o Plan Especial de Protección das Catedrais, aprobado en 2020. Segundo lembra, este documento contempla actuacións como a creación dun aparcadoiro exterior para reducir a presenza de vehículos nas inmediacións do areal ou a posta en marcha dun centro de interpretación que contribúa a ordenar a recepción dos visitantes.
Para a formación nacionalista, a falta de aplicación deste plan durante os últimos anos supón unha oportunidade perdida para compatibilizar a conservación do espazo co seu aproveitamento turístico.
Entre as medidas que reclama o BNG figura a relocalización das actuacións musicais e dos eventos de gran formato a espazos urbanos de Ribadeo, mantendo na contorna das Catedrais unicamente actividades de carácter científico e divulgativo, con aforo limitado, sen impacto acústico nin lumínico e con estritas medidas de control.
Ademais, insta ao Concello e á Xunta a impulsar de forma inmediata o desenvolvemento do Plan Especial de Protección para regular definitivamente os accesos e garantir a conservación dun dos espazos naturais máis emblemáticos de Galicia.