O BNG de Mondoñedo reclama solucións urxentes aos problemas de abastecemento de auga en Monfadal e Maariz

AMariñaXa
O grupo nacionalista levará ao pleno preguntas sobre a falta de potabilización e o estado deficiente das traídas municipais e pide paralizar o cobro da taxa ata garantir a seguridade da auga
bng-mondoñedo-bastecemento-de-auga-en-Monfadal-e-Maariz
27 May 2026

O grupo municipal do BNG en Mondoñedo levará ao próximo pleno da corporación diversas preguntas e rogos dirixidos a aclarar e resolver os graves problemas detectados no abastecemento de auga potable nos barrios do Monfadal e Maariz. Os nacionalistas alertan de que a situación actual supón un risco para a saúde da veciñanza ao non existir garantías suficientes na calidade da auga que chega ás vivendas.

Segundo denuncia o BNG, a auga procedente das traídas municipais que abastecen estas zonas non recibe un tratamento axeitado de potabilización nin desinfección, o que impide asegurar a súa idoneidade para o consumo humano. Ademais, sinalan que os depósitos presentan un estado de conservación deficiente, con danos estruturais, sucidade e ausencia de sistemas de protección fronte a posibles contaminacións externas.

O voceiro do grupo municipal, Eloi Cabanas, cualificou a situación de “inaceptable” e reclamou unha intervención inmediata por parte do goberno local. Cabanas esixe que o Concello se coordine coa empresa concesionaria do servizo para corrixir sen demora estas deficiencias. “A veciñanza está farta de escoitar promesas de investimentos que nunca chegan, mentres continúa sen poder consumir auga da traída polo risco que isto implica”, afirmou.

No caso concreto do barrio do Monfadal e do lugar da Fonte, o BNG explica que o depósito principal que abastece a zona non está operativo. A entrada de auga ao antigo depósito de formigón foi anulada e substituída por un depósito de material plástico que almacena directamente a auga sen ningún tipo de blindaxe nin sistema de potabilización previo, antes de incorporarse á rede municipal.

En canto ao barrio de Maariz, os nacionalistas denuncian que o depósito se atopa deteriorado, con danos que lle impiden almacenar o volume de auga para o que foi deseñado, e que tampouco conta cun sistema de tratamento que garanta a súa seguridade sanitaria.

Ante esta situación, o BNG considera que o goberno municipal do Partido Popular debe ofrecer explicacións claras e adoptar medidas inmediatas. Entre as súas propostas, o grupo nacionalista solicitará no pleno a revisión do sistema de abastecemento e a suspensión do cobro da taxa de subministración de auga mentres non se resolvan as deficiencias detectadas.

Eloi Cabanas expresou tamén a súa preocupación pola falta de actuación do executivo local ante unhas demandas que, segundo indica, a veciñanza leva trasladando ao alcalde, Manuel Otero, desde hai máis dun ano. “Esta xestión evidencia unha forma de gobernar que contribúe ao abandono progresivo do concello e xera unha fonda frustración entre a cidadanía”, concluíu o voceiro nacionalista.

0.12788319587708