O BNG de Mondoñedo reclama paralizar as podas drásticas nas árbores do municipio

O BNG de Mondoñedo manifestou a súa preocupación e malestar polas recentes actuacións realizadas nas árbores dos espazos públicos do municipio, que considera excesivamente agresivas e contrarias aos criterios técnicos de conservación e mantemento da arborización urbana.
A formación nacionalista cuestiona que se presenten como labores habituais de mantemento intervencións que, segundo denuncia, eliminan practicamente toda a copa e alteran de maneira severa a estrutura natural das árbores. Desde o punto de vista técnico, sostén que este tipo de podas comprometen a capacidade fotosintética dos exemplares, debilitan a súa saúde e incrementan o risco de que padezan enfermidades ou procesos de deterioración.
O partido tamén advirte de que os cortes de grandes dimensións deixan feridas que poden favorecer a entrada de fungos e outras patoloxías, o que, segundo apunta, pode acabar provocando a morte prematura das árbores afectadas.
Eloi Cabanas considera especialmente preocupante que estas actuacións se repitan nun espazo de relevancia histórica e monumental como a contorna da Catedral de Mondoñedo. O representante nacionalista critica a xestión que se está a realizar neste ámbito e lembra tamén a colocación dunha gran chapa metálica visible sobre o xardín, que, ao seu xuízo, evidencia a falta de atención aos criterios paisaxísticos e de conservación.
Ante esta situación, o BNG trasladará ao pleno municipal previsto para este xoves unha petición para que se interrompan de inmediato estas podas, que considera lesivas para o patrimonio natural colectivo. A formación tamén reclamará que o Concello recorra a asesoramento especializado e aplique criterios técnicos nas futuras intervencións sobre as árbores municipais.
"Árbores dos nosos parques, rúas e xardíns forman parte do patrimonio natural colectivo. O Concello ten a responsabilidade de protexelas e conservalas, non de sometelas a intervencións que poidan poñer en risco a súa supervivencia", conclúe Eloi Cabanas.