O BNG de Lourenzá denuncia parálise institucional e falta de transparencia no Concello

AMariñaXa
Denuncian carencias nos servizos sociais e deterioro das infraestruturas municipais
BNG-LOURENZA-BELÉN-FANEGO-BARREIRA
24 Apr 2026

A voceira do BNG en Lourenzá, Belén Fanego, fixo pública unha dura crítica á situación actual do Concello, que cualifica de “parálise institucional” marcada pola falta de funcionamento ordinario da administración local e pola ausencia de información á oposición. Segundo expón, o goberno municipal leva meses sen celebrar plenos nin facilitar documentación básica, o que dificulta o control democrático da súa xestión.

Fanego asegura que o executivo local non remite as actas das xuntas de goberno desde agosto de 2025, malia teren sido solicitadas en repetidas ocasións. A explicación ofrecida, apunta, é a falta de secretaria municipal, unha circunstancia que, ao seu xuízo, está a ser asumida pola Alcaldía “cunha comodidade preocupante”. Neste contexto, sostén que o Concello “funciona por inercia e polo compromiso do persoal”, sen unha dirección política efectiva que resolva os problemas estruturais.

A representante nacionalista tamén pon o foco na carencia de persoal en áreas fundamentais. Denuncia que non se teñen cuberto as vacantes da secretaría nin as ausencias en departamentos como Servizos Sociais ou o ámbito de emprego. Esta situación, explica, provocou episodios nos que veciños e veciñas tiveron que buscar alternativas fóra do municipio. “Houbo casos nos que se lles suxeriu acudir a concellos próximos para seren atendidos, e mesmo familias que tentaron xestionar directamente os trámites ante outras administracións”, sinala.

En relación coa situación económica, Fanego indica que os orzamentos municipais están prorrogados, como vén sendo habitual, a través dun decreto da Alcaldía no mes de xaneiro, debido á falta de convocatorias plenarias. Ao seu entender, a acción do goberno limítase a tramitar subvencións doutras administracións para cuestións concretas como o Servizo de Axuda no Fogar, actividades culturais ou actuacións puntuais en infraestruturas.

A edil do BNG considera que non existe unha estratexia real para mellorar o día a día da veciñanza nin para dar cumprimento aos acordos adoptados en pleno. “Non se percibe interese en resolver os problemas nin en avanzar na calidade dos servizos, a pesar da suba de impostos”, afirma, ao tempo que describe unha imaxe de abandono progresivo no municipio.

Outro dos aspectos que critica é a falta de actualización da páxina web municipal. Segundo lembra, a única publicación destacable nos últimos meses foi unha aclaración da Alcaldía, difundida o 10 de febreiro, sobre unhas obras en pistas municipais tras recibir críticas veciñais. Nese comunicado, engade, anunciábase información futura sobre outras actuacións previstas que, a día de hoxe, aínda non se fixo pública.

Fanego tamén enumera diversas carencias en infraestruturas e mantemento, como unha pista de pádel que leva preto de tres anos sen uso, a proliferación de maleza no rural ou o deterioro das beirarrúas. “Non hai novidades nin avances visibles”, resume.

Finalmente, a voceira nacionalista advirte de que a ausencia prolongada de plenos e xuntas de goberno supón unha vulneración dos dereitos da oposición e, sobre todo, un prexuízo directo para a cidadanía. “Non só se limita o noso labor de control, senón que se están atrasando de maneira sistemática as xestións que afectan aos veciños e veciñas”, conclúe.

0.12598299980164