O BNG de Foz xustifica o seu apoio aos orzamentos de 2026 como unha decisión “de responsabilidade” para evitar a prórroga das contas

O voceiro municipal do BNG en Foz, Francisco Xavier Fanego, defendeu o voto favorable da formación nacionalista aos orzamentos municipais de 2026, unha decisión que cualificou como un exercicio de responsabilidade política para evitar que o concello continuase un ano máis con contas prorrogadas.
Fanego explicou que o BNG non considera estas contas como o seu modelo de orzamento nin comparte plenamente a súa elaboración nin todas as prioridades incluídas, pero subliñou que manter a situación de prórroga suporía, ao seu xuízo, máis improvisación e dependencia de modificacións de crédito.
O portavoz nacionalista lembrou que ao longo do último ano e medio o BNG insistiu na necesidade de contar cun novo orzamento e criticou que o goberno municipal non recoñecese o papel da formación nas negociacións. Nese sentido, asegurou que a súa posición non responde a estratexias partidistas, senón ao interese xeral do municipio.
Fanego detallou que o grupo nacionalista tentou incorporar melloras no documento, especialmente en áreas sociais, deportivas e de servizos básicos, así como apoio a entidades e colectivos do municipio. Entre os avances, destacou o incremento das subvencións deportivas ata os 75.000 euros, unha achega de 12.000 euros para o Club Kayak e unha subvención de 10.000 euros para a protectora de animais.
O BNG puxo tamén en valor o traballo dos servizos técnicos municipais, agradecendo a súa colaboración na tramitación do expediente, ao tempo que diferenciou entre as cuestións técnicas e a súa valoración política do orzamento.
Con todo, Fanego advertiu que o voto favorable non supón un apoio incondicional á xestión do goberno local. Lembrou que o informe de Intervención recolle observacións sobre a execución, o contexto económico e a necesidade de prudencia no gasto, ademais de cuestións relacionadas co persoal e a planificación de investimentos.
Entre as súas reservas, o BNG fixo referencia ao uso do canon da nova concesión do servizo de auga, que consideran debería destinarse de forma máis clara a investimentos vinculados ao ciclo integral da auga, como abastecemento ou saneamento.
O portavoz nacionalista tamén respondeu ás críticas do PP, ás que acusou de contraditorias por reclamar ao mesmo tempo máis gasto e poñer en dúbida a previsión de ingresos. Segundo indicou, non é posible esixir máis servizos e investimentos sen clarificar de onde procederían os recursos.
Finalmente, o BNG advertiu de que a súa posición será máis esixente na execución do orzamento se non se cumpre unha xestión rigorosa, especialmente no relativo a pagamentos a provedores e planificación do gasto. Fanego concluíu que o apoio ás contas responde á necesidade de estabilidade municipal, pero sen renunciar á fiscalización da acción de goberno.