O BNG de Foz reclama un PAC para o municipio e denuncia o “desmantelamento” da sanidade pública na Mariña

O BNG de Foz volveu situar a defensa da asistencia sanitaria como unha das súas principais reivindicacións políticas e sociais, reclamando un redeseño do mapa sanitario galego que permita dotar ao municipio dun Punto de Atención Continuada (PAC) e dunha cobertura sanitaria “axeitada e estable”.
A formación nacionalista lembra que leva décadas denunciando a exclusión de Foz do mapa sanitario configurado nos anos noventa, unha decisión que consideran “inxustificada” e que, ao seu xuízo, provocou importantes consecuencias negativas para a veciñanza.
Desde o Bloque aseguran que estiveron presentes nas distintas mobilizacións e protestas veciñais relacionadas coa sanidade pública, apoiando as demandas impulsadas desde a Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública. Segundo sinalan, a cidadanía nunca aceptou que Foz contase cun servizo de urxencias limitado e non cun PAC operativo as 24 horas.
Os nacionalistas tamén lembran que no ano 2015 desapareceron as urxencias de tarde no centro sanitario focense, unha decisión que critican duramente e que atribúen ás políticas da Xunta de Galicia. Neste sentido, acusan ao Partido Popular de negar inicialmente a supresión do servizo e lamentan que, anos despois, a situación continúe sen solucionarse.
O BNG denuncia ademais a falta de cobertura de diferentes postos sanitarios no centro de saúde de Foz. Entre outras cuestións, apuntan á ausencia de substitucións en enfermería, á non reposición dunha praza de TCAE tras unha xubilación en 2018 e á redución progresiva de servizos como odontoloxía e pediatría.
A formación tamén carga contra a desaparición da Área Sanitaria da Mariña, integrada na de Lugo desde 2017, unha medida á que se opuxeron reiteradamente por considerar que supuxo unha perda de autonomía e de capacidade asistencial para o Hospital da Mariña.
Outro dos aspectos que o grupo municipal nacionalista volve poñer enriba da mesa é a situación da ambulancia medicalizada do 061 con base en Foz. O BNG asegura que xa advertira da eliminación do segundo técnico en emerxencias sanitarias (TES) e afirma que, cinco anos despois, a base focense segue sendo unha das máis infradotadas de Galicia.
Entre as demandas trasladadas pola formación figuran tamén a recuperación do segundo TES en cada quenda, a creación dunha praza de matrona, a estabilización do servizo de Atención Temperá e a restitución da Área Sanitaria propia para a Mariña.
Os nacionalistas consideran que nos últimos anos produciuse unha progresiva perda de servizos sanitarios na comarca, obrigando á cidadanía a desprazarse cada vez máis lonxe para recibir atención médica especializada. Como exemplo, sinalan que actualmente existen derivacións para realizar endoscopias non só a Lugo ou a centros privados concertados, senón tamén á Área Sanitaria de Ferrol.
O BNG advirte ademais doutros posibles recortes que, segundo sostén, poderían afectar ao servizo sanitario de Foz, como a perda do facultativo das mañás dos sábados ou a redución da atención de enfermería en domingos e festivos.
Por todo isto, o grupo municipal reclama á Consellería de Sanidade que reformule o mapa sanitario galego para garantir un PAC en Foz e unha cobertura completa de todas as categorías profesionais no centro de saúde e na base do 061, co obxectivo de rematar “coa discriminación sanitaria” que, segundo afirman, sofre a veciñanza do municipio e da comarca.