O BNG de Foz pide unha nova licitación para garantir o acceso á residencia de maiores

Foz
AMariñaXa
Os nacionalistas proponen a renuncia á celebración do contrato actual
concelleiros-bng-foz
26 sep 2024

O BNG presentou unha emenda para o vindeiro pleno municipal co obxectivo de solucionar os problemas derivados da proposta de adxudicación da concesión do servizo de residencia e centro de día no Concello de Foz. A formación nacionalista denuncia que as tarifas previstas farían que estes servizos sexan inaccesibles para a maioría da poboación local, especialmente para as persoas con pensións pequenas.

Segundo o portavoz do BNG en Foz, Francisco X. Fanego, as tarifas contempladas no novo contrato superarían en máis dun 50% a pensión media no municipio e implicarían un aumento medio do 68% con respecto ás actuais. Fanego advertiu que esta subida "impediría a moitas persoas maiores acceder ao servizo, e non promovería o retorno de veciños que residen en concellos limítrofes con tarifas máis baixas."

O BNG propón que se renuncie ao actual contrato de concesión, argumentando que o seu custo elevado é incompatible co interese público. No seu lugar, suxiren unha rebaixa substancial das tarifas, situándoas por debaixo da pensión media dos xubilados de Foz, ou a creación dunha ordenanza de prestacións públicas que fixe prezos asequibles para os servizos de residencia e centro de día. Tamén propoñen un programa de axudas para garantir o acceso efectivo de todas as veciñas e veciños a estes servizos.

O BNG tamén aproveitou a ocasión para criticar a política da Xunta en materia de atención á terceira idade, cualificándoa de "desastrosa". A formación lamenta o escaso investimento en residencias públicas e sinala que os concellos están a asumir competencias impropias, o que deteriora as súas finanzas. O BNG xa anunciou que levará este asunto ao Parlamento Galego a través dos seus deputados.

0.18857502937317