O BNG de Burela pide á Xunta que actualice co IPC as axudas periódicas ás vítimas de violencia machista

AMariñaXa
Sandra Fernández denuncia que estas prestacións levan case dúas décadas sen revalorizarse e critica a falta de desenvolvemento de medidas previstas na Lei galega de 2007
BNG-burela-Mario-Pillado--Sandra-Fernández
26 Nov 2026

O Grupo Municipal do BNG de Burela levará ao Pleno deste xoves unha moción para reclamar á Xunta de Galicia que aumente as prestacións económicas periódicas destinadas ás vítimas de violencia machista e estableza por lei a súa actualización anual conforme ao Índice de Prezos de Consumo (IPC).

A iniciativa, presentada pola concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, busca que estas axudas recuperen poder adquisitivo e que a súa evolución quede vinculada á subida dos prezos, evitando que as beneficiarias perdan capacidade económica co paso do tempo.

Fernández lembra que se trata dunha prestación contemplada no artigo 39 da Lei galega 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, pero que, segundo denuncia, nunca foi revalorizada nos case vinte anos transcorridos desde a súa aprobación.

A edil nacionalista explica que as cantidades que reciben as beneficiarias se determinan en cada convocatoria anual tomando como referencia o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), sen que exista un mecanismo automático de actualización. Ademais, apunta que os limiares de renda que se utilizan para acceder ás prestacións continúan por baixo dos que se aplicaban en 2009.

"Mentres os salarios e as pensións foron subindo, estas axudas quedaron conxeladas nun contexto de crise de prezos. E sen autonomía económica non hai autonomía persoal: unha axuda que perde valor cada ano é unha porta de saída da violencia cada vez máis estreita", sostén Sandra Fernández.

O BNG subliña que a regulación, convocatoria e fixación das contías destas prestacións corresponde exclusivamente á Xunta de Galicia, polo que considera que é o Goberno autonómico o que debe asumir a responsabilidade de garantir a súa actualización e reforzar o apoio económico ás vítimas.

A moción tamén incorpora críticas á política autonómica de atención á violencia machista. A formación nacionalista cuestiona que, case dúas décadas despois da aprobación da Lei 11/2007, continúen pendentes medidas recollidas no texto, como a atención psicolóxica ás vítimas nos servizos de atención primaria, prevista no artigo 25.

Fernández denuncia igualmente a falta de ampliación da rede de Centros de Información á Muller (CIM) e critica a aposta da Xunta por servizos móbiles privatizados, que, segundo o BNG, non ofrecen as condicións de privacidade necesarias para atender ás vítimas. A formación tamén cuestiona a xestión privatizada dos novos centros de crise de atención 24 horas para vítimas de violencia sexual.

Por último, a concelleira apunta aos recortes e á falta de execución orzamentaria como outros elementos que, ao seu xuízo, evidencian as carencias da política autonómica nesta materia. Neste sentido, asegura que o orzamento de 2026 contempla unha redución superior ao millón de euros e que en 2025 quedaron sen executar máis de sete millóns.

0.15710687637329