O BNG de Burela esixe unha reforma urxente no CEIP Vista Alegre e acusa á Xunta de “falta de compromiso coa educación pública”

AMariñaXa
A comunidade educativa leva semanas mobilizándose mentres reclama investimentos nun centro que consideran moi deteriorado e sen renovacións integrais
BNG-Mariña-ceip-Vista-alegre-deficiencias-2026
25 May 2026

O BNG de Burela denunciou a situación do CEIP Vista Alegre, onde alumnado, profesorado, ANPA e dirección levan semanas realizando concentracións para reclamar unha reforma integral do centro educativo, que consideran “vello, insuficiente e sen intervencións estruturais ao longo de décadas”.

Segundo trasladan desde a formación nacionalista, existe unha “unanimidade total” na comunidade educativa sobre a necesidade urxente de obras nunha instalación que, aseguran, “nunca foi reformada en profundidade”.

O voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, criticou con dureza a resposta da Xunta de Galicia e, en particular, do delegado territorial en Lugo, Javier Arias, ao que acusa de “negar unha evidencia evidente e mesmo faltar ao respecto á comunidade educativa”.

Pillado afirmou que se está a responsabilizar ao Concello dunha situación que, ao seu xuízo, non é da súa competencia. “O Vista é o colexio no que medrei e sabemos perfectamente como estaba hai máis de 30 anos e como segue hoxe, practicamente sen investimentos estruturais”, sinalou, lembrando que tamén exerce como concelleiro de Educación.

Desde o BNG emprazan á Xunta a abandonar a confrontación institucional e apostar pola colaboración para dar solución ás carencias do centro. “O que fai falta é traballar e non botar balóns fóra”, engaden desde a formación.

O voceiro nacionalista tamén defendeu o traballo da ANPA e da dirección do centro, que levan anos advertindo do deterioro das instalacións e elaborando informes detallados sobre o seu estado. “Non se pode desprezar o traballo dunha comunidade educativa que leva tempo avisando da situación con rigor e responsabilidade”, apuntou.

Pillado criticou ademais que, segundo o BNG, se estean a destinar investimentos máis elevados noutros concellos, citando casos como Ribadeo e Viveiro, mentres Burela recibiría partidas moito menores. “Na Mariña non somos parvos e vemos claramente onde se está a investir e onde non”, afirmou.

Desde a área de Educación do Concello de Burela e o BNG aseguran levar máis de dous anos solicitando á Xunta unha intervención nos centros educativos do municipio, que consideran que presentan necesidades similares de mellora.

A formación nacionalista insiste en que segue aberta ao diálogo e solicita reunións coa administración autonómica ou visitas técnicas aos centros para avaliar directamente a situación. “O único obxectivo é mellorar o ensino público en Burela”, conclúen.

0.083748817443848