O BNG de Burela cuestiona as cifras da Xunta sobre os investimentos nos centros educativos

AMariñaXa
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, asegura que a ampliación do IES O Perdouro custou 360.000 euros e non os 770.000 que atribúe a Consellería, e reclama melloras de accesibilidade e diálogo coa Administración autonómica
BNG-burela-Mario-Pillado--Sandra-Fernández
29 Oct 2026

O BNG de Burela cuestiona os datos difundidos pola Consellería de Educación sobre os investimentos realizados nos centros educativos da localidade, despois do debate sobre a súa situación na Comisión de Educación do Parlamento galego. A formación nacionalista considera que as cifras publicadas pola Xunta non se corresponden cos importes das obras e acusa o Goberno autonómico de empregalas para criticar a xestión municipal.

O tenente de alcaldesa e responsable da área de Educación, Mario Pillado, puxo como exemplo a ampliación do IES O Perdouro. Segundo explica, a Consellería atribúe a esta actuación un investimento de 770.000 euros, mentres que, de acordo coa información publicada pola prensa local naquel momento, a licitación ascendeu a 420.000 euros e o custo final quedou en 360.000 euros.

Pillado sostén que a redución do importe estivo relacionada coa eliminación do ascensor previsto no proxecto e orzamentado inicialmente. O representante do BNG considera que esta cuestión segue pendente e critica que o centro continúe sen esta infraestrutura, que cualifica de necesaria para mellorar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.

O nacionalista rexeita que se empreguen datos que considera incorrectos para cuestionar a acción do Goberno local e insiste en que a falta de ascensor continúa sendo unha demanda lexítima da comunidade educativa. Neste sentido, reclama que a Xunta dea resposta ás necesidades de accesibilidade do instituto.

Pillado tamén reprocha á Consellería a falta de interlocución co Concello. Segundo indica, en decembro de 2023 solicitaron unha reunión coa Dirección Territorial de Educación en Lugo, pero aseguran que non recibiron resposta. Posteriormente, pediron ser recibidos pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación para abordar a situación do ensino en Burela.

O tenente de alcaldesa afirma que o Concello está disposto a manter conversas coa Administración autonómica para buscar solucións e traballar conxuntamente. Porén, lamenta que, ao seu xuízo, a Xunta non estea a ofrecer esa mesma disposición ao diálogo.

0.15705299377441