O BNG de Burela celebra a histórica clasificación de Cabo Verde para o Mundial de fútbol

AMariñaXa
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, felicita á comunidade caboverdiana e destaca o papel da diversidade cultural como sinal de identidade e riqueza da vila
BURELA-Ministro-Cabo-Verde-octubre-2'25
15 Oct 2025

O BNG de Burela sumouse ás celebracións pola histórica clasificación da selección de Cabo Verde para o Campionato Mundial de Fútbol de 2026, un fito sen precedentes que xerou unha grande alegría entre a comunidade caboverdiana residente no municipio e tamén entre a veciñanza en xeral.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado Mon, transmitiu os seus parabéns “a toda a comunidade caboverdiana de Burela e, por extensión, a todo o país irmán”. O edil lembrou as palabras do presidente de Cabo Verde, José Maria Pereira Neves, quen nunha ocasión se referira a Burela como “a undécima illa do arquipélago”, unha expresión que, segundo Pillado, “resume perfectamente a unión e o sentimento de irmandade que existe entre ambos pobos”.

Pillado salientou que “nos últimos tempos Cabo Verde ten avanzado moito no eido deportivo, logrando tamén clasificarse para as fases finais dos mundiais de balonmán e baloncesto”. Para o concelleiro, trátase dun exemplo de “traballo, constancia e superación”, valores que tamén identifica co espírito da comunidade caboverdiana en Burela. “É un pobo que representa a cultura do esforzo e da solidariedade, algo que coñecemos ben no Concello de Burela”, engadiu.

Aproveitando esta celebración e a recente visita do primeiro ministro de Cabo Verde, José Ulisses Correia e Silva, Pillado destacou o papel fundamental da inmigración na realidade social e económica do municipio. “Temos que estar moi agradecidos ao pobo caboverdiano e a todos os pobos que conforman esta realidade multicultural que é Burela. A diversidade que temos é unha riqueza que debemos valorar e coidar”, afirmou.

O voceiro do BNG en Burela tamén aproveitou para poñer en valor o crecemento demográfico da vila, que conta actualmente con habitantes de 52 nacionalidades diferentes. “En parte, grazas a esta diversidade superamos a barreira dos 10.000 habitantes, chegando xa aos 10.082. É unha mostra de que Burela é unha terra aberta que recibe xente traballadora, que xera riqueza e contribúe tanto aquí como nos seus países de orixe”, explicou.

Para rematar, Pillado subliñou que desde a Área de Inmigración do Concello se mantén un discurso positivo e integrador sobre a realidade multicultural de Burela. “Somos conscientes da responsabilidade que implica xestionar esta diversidade, pero tamén das oportunidades que ofrece. Seguiremos colaborando con todas as administracións para seguir fortalecendo un modelo de convivencia que nos fai únicos”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.06815505027771