O BNG critica que Portos de Galicia desbote as súas alegacións sobre o proxecto de Gadis no porto de Viveiro

O BNG de Viveiro amosou o seu desacordo coa decisión de Portos de Galicia de rexeitar as alegacións que presentara o pasado 12 de maio ao proxecto de renovación e ampliación da concesión do supermercado Gadis situado na zona portuaria da cidade.
Desde a formación nacionalista deixan claro que apoian a continuidade da actividade comercial e a modernización das instalacións, pero consideran que a actuación debería ir acompañada dunha intervención máis ampla nun espazo que cualifican de especialmente sensible desde o punto de vista urbanístico e paisaxístico. A súa voceira, Iria Cotelo, lembra que o inmoble se atopa en dominio público portuario, nun enclave privilexiado xunto á ría e ao casco histórico.
O concelleiro do BNG Seve Salgueiro explica que as alegacións presentadas pretendían favorecer unha mellor integración da edificación na contorna, impulsar a renovación da urbanización, reorganizar os espazos e crear novas zonas verdes, actuacións que, segundo subliña, poderían executarse sen eliminar as actuais prazas de estacionamento.
A formación tamén carga contra a Xunta de Galicia pola resposta ofrecida por Portos, ao considerar que reproduce de maneira literal os argumentos da empresa concesionaria e mesmo mantén diversos erros. Ao seu xuízo, a Administración autonómica desaproveita unha oportunidade para actuar nunha zona que presenta signos evidentes de deterioro.
Neste sentido, o BNG asegura que tanto o aparcadoiro do peirao como a contorna do Casino ofrecen unha imaxe de abandono e sostén que as obras previstas deberían servir para acometer unha rehabilitación integral da fachada marítima, mellorando tanto a súa estética como a súa funcionalidade.
A pesar de que a maior parte das alegacións foron desestimadas, os nacionalistas destacan que a súa iniciativa permitiu incorporar algúns compromisos ao proxecto, entre eles a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos e actuacións destinadas a facilitar a accesibilidade para os usuarios de bicicleta. Con todo, consideran que estas medidas resultan claramente insuficientes.
Por último, o BNG lamenta a falta de iniciativa do goberno municipal de Viveiro, ao que acusa de permanecer inmóbil ante unha actuación que consideran clave para transformar unha das áreas máis representativas da vila. A formación confía en que o executivo local se implique na defensa dunha maior humanización deste espazo e apoie as propostas formuladas polos nacionalistas.