O BNG critica que as Festas do Oito do Valadouro deixen sen celebración o propio 8 de setembro

AMariñaXa
Os nacionalistas cuestionan o cambio do festivo local ao día 7 e reclaman recuperar as xornadas do 8 e 9 de setembro para preservar unha tradición histórica do municipio
BNG-Valadouro-Chao-e-Teijeiro-2026
21 Aug 2026

O BNG do Valadouro amosa o seu desacordo coa organización das tradicionais Festas do Oito deste ano e lamenta que, por primeira vez, o 8 de setembro quede sen actividade festiva no municipio. A formación considera contraditorio que precisamente a xornada que dá nome ás celebracións e na que se conmemora a festividade da Nosa Señora pase a ser un día laborable.

As críticas nacionalistas céntranse tamén na decisión de establecer o 7 de setembro como festivo local, coincidindo coa véspera da festividade, en lugar do día 9, data que tradicionalmente gozaba desta consideración.

"Resulta contraditorio que o día que dá nome a estas celebracións, as Festas do Oito, precisamente o día oito non haxa actividade ningunha, pasando a ser un día laborable e normal", sinala o portavoz municipal do BNG, Eduardo Chao. O edil ironiza coa situación e asegura que "co PP á fronte do Concello e de seguir así, haberá que pensar entón en mudarlle o nome ás festas".

Chao reivindica o peso que estas datas teñen na tradición do Valadouro e asegura que non lembra "nos meus sesenta anos que as Festas do Oito non se celebraran os días oito e nove de setembro".

Críticas ao cambio de datas

O concelleiro nacionalista Eliseo Teijeiro tamén cuestiona a modificación e critica tanto a postura do Goberno municipal do PP como a do resto da corporación que apoiou a decisión. O BNG considera que trasladar o festivo para achegar as celebracións á fin de semana supón alterar un costume asentado durante décadas.

Teijeiro lembra que o 9 de setembro foi tradicionalmente unha das xornadas de referencia e sostén que a participación nunca dependeu do día da semana no que cadrase. "A xente sempre respondeu e a praza sempre estivo chea o día nove, fose martes, xoves ou sábado. Polo tanto, non entendemos que agora se pretenda xustificar o cambio da tradición coa escusa de achegar as festas á fin de semana", afirma.

A formación nacionalista considera que ampliar a oferta festiva do municipio non ten por que implicar modificar as datas tradicionais. "É totalmente compatible manter as tradicións e a cultura locais e, asemade, facer a maiores unha programación festiva, cultural e de ocio ao longo do ano que dea resposta ás necesidades da veciñanza", defenden.

Neste sentido, o BNG lembra outras iniciativas formuladas para incrementar a actividade social e cultural do Valadouro, entre elas a recuperación das feiras e das propostas vinculadas ao Mes Gandeiro. Segundo os nacionalistas, estas peticións continúan sen recibir resposta por parte do Goberno municipal.

O grupo reclama finalmente que as Festas do Oito volvan manter como datas centrais o 8 e o 9 de setembro e pide ao Concello que compatibilice a conservación desta tradición cun calendario máis amplo de propostas culturais, festivas e de lecer durante o resto do ano. Para o BNG, esta fórmula permitiría respectar os costumes locais ao tempo que contribuiría á dinamización social e económica do Valadouro.

0.12176704406738