O BNG cifra en 25.000 euros o custo do novo emprazamento das bandeiras de Ribadeo

AMariñaXa
O destino das bandeiras da Casa do Concello segue sen pechar a polémica
concello-ribadeo-2026
6 Oct 2026

O BNG de Ribadeo cifra en 25.000 euros o custo para as arcas públicas do cambio de instalación das bandeiras da Casa do Concello, unha actuación que a formación nacionalista volve poñer en cuestión dous anos despois de que comezase a polémica sobre o seu emprazamento.

"Por fin sabemos en canto nos saíu a ocorrencia do mamotreto", sinala o BNG, que considera que eses 25.000 euros de diñeiro público poderían terse destinado a investimentos ou a melloras sociais. "Cada goberno ten as súas prioridades. O do PP son as bandeiras e a parafernalia", afirma a formación.

O cambio de ubicación das insignias foi unha das primeiras controversias que tivo que afrontar o actual Goberno municipal. As bandeiras foron retiradas da balconada da Casa do Concello e trasladadas a outro espazo, unha decisión que xerou críticas e tamén unha queixa ante Patrimonio.

O alcalde, Dani Vega, defendera que as bandeiras non podían continuar na balconada do consistorio e que era necesario atopar unha solución que permitise "cumprir coa lei", pero tamén protexer a estrutura do edificio. Para iso, o rexedor solicitou informes e diferentes propostas sobre as posibilidades para recolocalas.

Agora, un veciño levou esta cuestión á Oficina de Xustiza de Ribadeo. O escrito, rexistrado o pasado 11 de maio, leva como asunto "Cambio de emprazamento das bandeiras da Casa do Concello de Ribadeo" e cuestiona a nova localización das insignias.

Segundo recolle a denuncia, o cambio produciuse o 7 de maio de 2026 e afectou as bandeiras de España, Galicia e a Unión Europea. O escrito sinala que anteriormente estaban colocadas na balconada da Casa do Concello e que foron trasladadas ás escalinatas do pazo de Ibáñez.

O veciño sostén no seu escrito que o novo emprazamento, cos mastros colocados sobre unha peza de granito, fora rexeitado por Patrimonio por afectar á estética do edificio. Tamén cuestiona que as bandeiras se colocasen nese lugar e expón que a súa localización actual non responde ao carácter institucional que deberían ter.

A denuncia fai ademais referencia á presenza da Garda Real Española en Ribadeo con motivo dunha visita por Viveiro, Foz e Ribadeo, e relaciona o novo izado das bandeiras coa solemnidade do acto.

O escrito presentado ante a Oficina de Xustiza tamén cita a normativa estatal sobre o uso da bandeira e formula distintas consideracións sobre a súa colocación. O denunciante reclama finalmente que se acometa a reparación da balconada da Casa do Concello e que, unha vez rematados os traballos, as bandeiras sexan restituídas ao seu emprazamento orixinal.

O BNG utiliza agora o custo da actuación para volver cuestionar a decisión do Goberno local. A formación considera que os 25.000 euros destinados a esta actuación representan un gasto que, ao seu xuízo, podería terse empregado noutras necesidades do municipio.

0.13302397727966