O BNG apoia a folga indefinida da ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz

AMariñaXa
A problemática foi levada ao Parlamento por Daniel Castro
concentracion-castro-do-ouro-de-aflzo
16 Oct 2024

Desde o BNG manifestan o seu total apoio ás medidas de presión desenvolvidas pola ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz que se concentraron no inicio dunha folga indefinida, ao non atender a Xunta as xustas demandas da comunidade educativa de Alfoz. Desde o inicio de curso as protestas foron continuas. A problemática foi levada ao Parlamento por Daniel Castro quen en sesión plenaria interpelou ao conselleiro de Educación.

Esixiulle non levar a cabo os agrupamentos do alumnado de diferentes ciclos educativos do Ceip Castro de Ouro, ao contar este co alumnado suficiente segundo os acordos asinados e solicitando tamén un profesional de Pedagoxía Terapéutica. “Nesa sesión, á que asistiron nais de Alfoz, o conselleiro non se comprometeu a ningunha solución facendo gala dun absoluto descoñecemento da situación educativa no colexio, o que da fé do desleixo e nula preocupación do Partido Popular polo que acontece nos nosos colexios dos concellos rurais” afimou Castro.

O nacionalista asegurou tamén que “na Conselleria son coñecedores desta problemática desde o mes de xuño, cando o colexio lles enviou escritos, tendo a calada por resposta, algo inadmisible e indigno por parte dos responsables desa institución”. Castro, que acude ás mobilización convocadas pola ANPA desde o inicio das mesmas afirmou tamén que desde o BNG seguirán cóbado a cóbado coas nais e pais e toda a comunidade educativa en todo canto sexa preciso e lles demanden.

0.16506791114807