O BNG alerta do deterioro do campo Pepe Barrera e reclama recuperar o mantemento profesional

O BNG de Ribadeo denunciou publicamente o mal estado no que se atopa o campo municipal Pepe Barrera, unha instalación clave tanto para o fútbol base como para a actividade do Ribadeo FC. A formación nacionalista considera preocupante a situación actual do terreo de xogo, que presenta un desgaste evidente que atribúe á ausencia dun mantemento axeitado e planificado por parte do Goberno local.
O concelleiro do BNG, Martín Graña, recoñeceu que as condicións meteorolóxicas dos últimos meses, marcadas polas choivas persistentes, inflúen negativamente nos campos naturais, pero advertiu de que “iso non pode servir de escusa para a falta de previsión do Goberno municipal”. Ao seu xuízo, é precisamente nestes momentos cando máis se bota en falta un mantemento profesional e periódico, “un servizo que o PP decidiu deixar de contratar”.
Desde o BNG lembran que durante anos o Pepe Barrera contou cun plan de coidados especializado que permitía manter o campo en condicións aceptables, grazas a actuacións técnicas como tratamentos fitosanitarios e abonados periódicos, adaptados ás necesidades do terreo. Ese modelo, segundo denuncian, foi eliminado polo actual Executivo local. “Non se pode pretender xestionar unha instalación destas características a base de parches e improvisacións. Sen medios técnicos nin persoal cualificado, o deterioro é inevitable”, sinalou Graña, quen tamén recordou que no anterior mandato se investiron 420.000 euros na mellora do campo, situándoo entre os recintos deportivos máis destacados da provincia.
A formación nacionalista incide ademais no uso intensivo que soporta o campo municipal ao longo de toda a tempada, unha circunstancia que fai que a súa degradación repercuta directamente tanto na calidade da práctica deportiva como na seguridade das persoas usuarias. Neste sentido, Graña criticou a xestión orzamentaria do PP e apuntou que “no ano 2025 estaban previstos 400.000 euros para a mellora das instalacións deportivas, pero finalmente restáronse case 140.000 euros desa partida para outros gastos”.
O BNG de Ribadeo tamén puxo o foco nunha moción presentada pola formación nacionalista e aprobada polo pleno municipal para a construción dun novo campo de herba artificial no anexo do Pepe Barrera, unha iniciativa que continúa sen executarse. “Falamos dun acordo democrático que segue sen materializarse, mentres as necesidades deportivas do concello non deixan de medrar”, subliñou o concelleiro.
Por todo iso, desde o BNG esixen ao Goberno municipal que recupere canto antes o mantemento profesional e periódico do campo Pepe Barrera e que dea pasos reais para facer efectiva a construción do novo campo comprometido. “Ribadeo merece instalacións deportivas dignas e unha xestión seria e planificada, non abandono nin promesas incumpridas”, concluíu Martín Graña.