O BNG alerta da precariedade do servizo de Correos no Valadouro

AMariñaXa
Os nacionalistas presentan unha moción no pleno para esixir máis persoal e recursos ante a sobrecarga de traballo e a perda de calidade do servizo
VALADOURO-Correos-2025
30 Dec 2025

O Grupo Municipal do BNG no Concello do Valadouro vén de presentar unha moción para debater no próximo pleno ordinario a delicada situación do servizo de Correos na localidade, que tamén dá cobertura ao concello veciño de Alfoz. Segundo sinalan os edís nacionalistas Eduardo Chao e Eliseo Teijeiro, anos atrás eran catro os carteiros que atendían a zona, pero coa xubilación dun deles e sen cubrir a praza vacante, a plantilla reduciuse a dous efectivos, un deles actualmente de baixa.

Esta situación provoca que dous carteiros teñan que facer fronte a un traballo moi pesado, nunha área rural con poboación dispersa e unha gran cantidade de correspondencia oficial: pasaportes do gando, notificacións de catastro, sancións de tráfico, citas médicas e comunicacións do Sergas, moitas delas con prazos moi axustados. Como consecuencia, a veciñanza, especialmente no Valadouro e en Alfoz, vese directamente prexudicada.

Ademais, os nacionalistas destacan que Correos está a introducir novos servizos de carácter comercial, como a venda de seguros, o que incrementa a carga de traballo dun persoal xa saturado pola falta de efectivos. Esta combinación de factores tradúcese nun servizo postal de menor calidade e en peores condicións laborais para as traballadoras e traballadores.

O BNG lembra que estas dificultades xa foron comunicadas a instancias superiores a través da Oficina Técnica de Mondoñedo, da que dependen a satélite de Ferreira e a auxiliar de Alfoz. Por iso, na moción presentada instan á Dirección da Sociedade Estatal de Correos a garantir todos os recursos humanos e materiais necesarios para manter un servizo postal público de calidade na oficina do Valadouro.

Igualmente, propoñen que o goberno municipal traslade ás traballadoras e traballadores o apoio do Concello nas súas demandas laborais. Eduardo Chao subliña que “ao final, coma sempre, ademais do persoal, é a veciñanza usuaria a gran prexudicada” e critica a perda de servizos no rural, que dificulta cada vez máis a vida da poboación.

⚙ Configurar cookies
0.0899658203125