O BNG acusa o PP de ano e medio de atrasos e máis gasto na xestión dos servizos enerxéticos de Viveiro

AMariñaXa
Os nacionalistas denuncian que o goberno municipal descartou o traballo avanzado no anterior mandato, contratou unha empresa sen experiencia específica e acabou levando ao pleno a mesma estrutura de custos que xa estaba elaborada
BNG-viveiro-Iria-cotelo-2026
15 Aug 2026

O BNG de Viveiro cargou no último pleno contra a xestión do goberno municipal do PP no expediente dos servizos enerxéticos, ao que acusa de acumular arredor de ano e medio de atraso, incrementar os custos para as arcas públicas e terminar recuperando parte do traballo que xa quedara avanzado durante o anterior mandato.

Os nacionalistas lembran que o anterior goberno municipal deixara encamiñado o expediente para a futura licitación. Porén, coa chegada do PP ao executivo local, o procedemento tomou outro rumbo ao decidir o novo goberno cambiar a empresa encargada dos traballos previos.

Segundo expuxo o BNG no pleno, o PP xustificou daquela a decisión alegando falta de confianza na empresa contratada anteriormente. Os nacionalistas cuestionan agora ese argumento e lembran que no expediente figuraban seis compañías con experiencia e traxectoria consolidada no sector que tampouco foron consideradas polo actual executivo.

“Un ano e medio despois, preguntámonos que confianza lle inspira este goberno do PP a Viveiro”, ironizou a formación, que acusa o executivo de descartar as opcións existentes para terminar recorrendo a unha compañía que, segundo asegura, non contaba con experiencia en servizos enerxéticos.

Precisamente este punto centra unha das críticas máis duras do BNG. A formación sostén que a empresa finalmente contratada tivo que subcontratar outra compañía que si dispoñía dos coñecementos específicos necesarios para desenvolver o traballo. Unha decisión que, segundo os nacionalistas, acabou repercutindo nun maior custo para as arcas municipais.

O BNG cuestionou tamén no pleno os vínculos da empresa seleccionada e puxo en dúbida que esta alternativa puidese ofrecer maiores garantías que as seis compañías que xa aparecían inicialmente no expediente.

Pero para os nacionalistas o resultado máis significativo chegou meses despois. Tras cambiar de empresa e asumir novos gastos, o goberno municipal levou ao pleno para a súa aprobación, segundo denuncia o BNG, “exactamente a mesma estrutura de custos” que xa fora elaborada durante o mandato anterior.

“Pagouse dúas veces por un traballo que xa estaba feito”, censura a formación, que considera que esta situación exemplifica unha xestión marcada pola falta de planificación e polo uso innecesario de recursos públicos.

As críticas esténdense tamén aos prazos. O BNG lembra que o goberno do PP anunciou que a licitación estaría preparada antes de marzo de 2026, unha previsión que non se materializou. Os nacionalistas sosteñen que o executivo realizou aquel anuncio a pesar de non contar nos orzamentos coa consignación económica necesaria para facer posible o procedemento. “Sen consignación orzamentaria non poden licitar. Sabíano e anunciárono igual”, reprocharon no pleno.

Para o BNG, o sucedido deixa un balance de ano e medio de demora, máis gasto municipal e unha licitación que continúa pendente pese a que o expediente xa estaba avanzado cando o PP asumiu o goberno. A formación acusa así o executivo de Mariña Gueimunde de converter a xestión dos servizos enerxéticos nun exemplo de “anuncios, propaganda, mentiras e enganos” e dunha “absoluta falta de planificación”.

0.11915397644043