O BNG acusa a Portos de Galicia de prexudicar a Viveiro con decisións que afectan á mobilidade e ás reivindicacións sociais

O BNG de Viveiro cargou este martes contra as últimas actuacións de Portos de Galicia, organismo dependente da Xunta, ao considerar que está a aplicar un cambio de criterio que, ao seu xuízo, resulta "inxustificado" e vai en detrimento dos intereses da veciñanza. A formación nacionalista sostén que as decisións adoptadas nas últimas semanas afectan tanto á mobilidade como ao desenvolvemento da actividade social no municipio.
Entre as cuestións que motivan as críticas figura o peche do acceso á zona portuaria durante o Resurrection Fest para impedir o estacionamento de vehículos, unha medida que, segundo o BNG, non se aplicara en edicións anteriores. A formación considera que era posible compatibilizar o uso do espazo coa actividade portuaria mediante a coordinación entre as distintas administracións.
Outro dos aspectos cuestionados é a supresión da parada do autobús urbano no porto de Celeiro, que viña funcionando desde abril coa posta en marcha da liña circular Escourido-Celeiro. Portos de Galicia argumentou que este servizo non está vinculado á actividade portuaria, unha explicación que o BNG rexeita.
A portavoz nacionalista en Viveiro, Iria Cotelo, asegurou que a decisión resulta incomprensible ao lembrar que no recinto portuario conviven outros servizos, como os establecementos hostaleiros ou os taxis, compatibles coa actividade do porto. Ademais, advertiu de que a eliminación da parada prexudica especialmente ás persoas traballadoras e aos mariñeiros que desembarcan con equipaxe, obrigándoos a percorrer a pé a distancia ata a Praza do Náufrago.
A formación tamén denunciou a retirada de dúas pancartas reivindicativas situadas no valado fronte ao centro de saúde, unha promovida pola Plataforma Sanitaria e outra polo propio BNG en defensa da mellora das estradas do municipio. Cotelo relacionou esta decisión coa recente presenza de dirixentes do Partido Popular en Viveiro e sostivo que se actuou con maior rapidez para retirar as mensaxes de protesta que para dar resposta ás demandas cidadás.
Segundo a portavoz nacionalista, estas actuacións non impedirán que a veciñanza continúe reclamando melloras na sanidade e nas infraestruturas viarias. Ao mesmo tempo, acusou á Xunta de intentar silenciar o malestar social en lugar de atender as necesidades do municipio.
O BNG estendeu tamén as súas críticas ao goberno municipal, ao que reprocha non defender os intereses de Viveiro fronte ás decisións da administración autonómica. Entre outras cuestións, considera que o executivo local non buscou alternativas ao problema do estacionamento durante o Resurrection Fest, non reclama a continuidade da parada do autobús urbano no porto nin esixe melloras para o centro de saúde ou unha variante viaria acorde ás necesidades do municipio.
Os nacionalistas conclúen apostando pola cooperación entre administracións para compatibilizar a actividade portuaria cos servizos públicos e as necesidades da cidadanía, ao tempo que reclaman unha maior defensa dos intereses de Viveiro por parte do Concello.