O BNG acorda actuacións primordiais para Burela a incluír nos remanentes
O BNG de Burela acorda actuacións primordiais a incluír nos remanentes despois de analizar a proposta de orzamentos presentada polo goberno local. Así, dende o BNG propoñen unha serie de actuacións para melloralos e que solucionen problemas reais da veciñanza.
En verbas do voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, “os orzamentos son en certa medida similares ós do exercicio anterior salvo leves modificacións, tanto no gasto en servizos públicos coma no gasto social e de fomento de emprego. A gran carencia que atopamos está no plan de investimentos que queda moi reducido por iso cremos que é necesario incluír a cargo do superávit e dos remanentes de tesourería unha serie de obras e actuacións que propoñemos”.
Mario Pillado sinalou que “revisando cada área e política de gasto cremos que onde mais coxea é en urbanismo e servizos básicos. Actuacións concretas coma no caso da pavimentación da rúa dos Matos, da mellora dos accesos tanto en instalacións como a Biblioteca e o Salón de Conferencias como nas entradas á vila tanto polo Perdouro como pola zona de Pomeda; pero tamén cremos necesario un Plan de Urbanismo que regule tráfico, humanización e seguridade viaria, así como un convenio para o solar da antiga fábrica de Gres”
Continuou dicindo que “en materia de sumidoiro, cunha partida minúscula, e en alumeado, que ve diminuído o seu gasto continuamente, cremos que se debe dar un paso adiante. Por iso propoñemos a reparación de alumeado público que xa solicitábamos para o plan único e tamén a conexión de vivendas que non teñen acceso a sumidoiro e que se lles cobra polo servizo. Por outra parte, tamén apostamos polas novas instalacións para asociación protectora de animais “Bigotes” que verían reforzada a súa gran labor cunha obra pola que levan moito tempo agardando”.
Para finalizar Pillado sinalou que “coa nosa abstención favorecemos a aprobación dos orzamentos e contamos que as propostas que incluímos no acordo se materialicen. Por iso faremos un seguimento do propio acordo e en función diso o noso voto pode mudar no futuro nun ou noutro sentido”