O Bloque Nacionalista Galego denuncia o abandono e a saturación no Punto Limpo de Foz

Foz
AMariñaXa
A formación critica que catro meses despois de avisar no pleno os restos vexetais sigan amoreados na explanada exterior á beira da protectora
FOZ punto limpo queixa bng
7 Jul 2026

A xestión dos residuos e o mantemento das infraestruturas públicas volve a centrar o debate político no municipio lucense. O grupo municipal do BNG de Foz amosou o seu profundo malestar ante o que consideran unha imaxe de total deixadez e desatención por parte do executivo local na contorna do Punto Limpo. Segundo explican os nacionalistas, a zona destinada ao acopio de restos vexetais atópase colapsada, o que está a provocar que os refugallos se acumulen sen control fóra do espazo habilitado para tal fin.

A formación lembra que xa na sesión plenaria celebrada no mes de marzo alertaron de xeito formal sobre o risco e a mala imaxe que xeraba esta situación. Catro meses despois daquela denuncia, o BNG lamenta que a realidade siga sendo exactamente a mesma ou incluso peor, con toneladas de restos de poda e xardinería amoreados directamente sobre a explanada que linda coas instalacións da asociación protectora de animais, en lugar de estar protexidos e xestionados dentro do recinto perimetral correspondente.

Desde o grupo municipal lembran que no ano 2022 a propia formación impulsou e xestionou a construción deste espazo específico para ordenar os restos vexetais. Por iso, critican que a falta de operatividade do actual goberno municipal bote por terra aquel traballo. Os nacionalistas subliñan que a eficacia dun Concello non se mide polas promesas que realiza ante a veciñanza senón polas solucións reais que é capaz de executar, polo que esixen a retirada inmediata destes materiais e unha xestión ambiental correcta e sostible no tempo.

0.13162088394165