O BeOne rugby e o Belenos de Avilés fusiónanse
“Un paso adiante”, así define Guillermo Fdez, ata o de agora Director Deportivo do BeOne Rugby, o novo rumbo que toma o club da man do Belenos de Avilés, un club que milita na División de Honra B nacional e que ofrece aos xogadores do Occidente Asturiano e A Mariña Lucense a oportunidade de aspirar a chegar a formar parte deste equipo, o único asturiano nesta categoría e que en Galicia conta con dous representantes, Vigo Rugby e Ourense Rugby, ambos no sur da comunidade.
As conversacións iniciáronse a tempada pasada, cando o seu presidente, Felipe Blanco, contactou co BeOne, que empezaba a competir en Liga Asturiana con equipo sénior e que tan bo papel realizou nos Xogos do Principado e Ligas Galegas Sub14 e Sub16.
Pero foi esta tempada, totalmente atípica e marcada pola pandemia, cando se consumo o acordo, a marcha a Barcelona, por motivos profesionais, do ata o de agora director deportivo e a boa predisposición do club asturiano fixeron que con tan só unha chamada e unha reunión entre os presidentes chegásese un acordo que levará aos clubs de BeOne: Tapia Rugby e Ribadeo Rugby a ser filiais do equipo de Avilés, mantendo a súa identidade, a ambos marxes da ría.
“É unha sorte para nós chegar a este acordo, os adestramentos estan sendo máis numerosos e a calidade contrastada dos adestradores que Belenos despraza á zona fan que os xogadores dean un salto importante na súa formación técnica. Esta tempada adaptáronse eles aos horarios establecidos para non facer cambios a metade de campaña, pero estou convencido que a tempada 2021-2022 será un punto de inflexión para o rugby na zona, tanto a captación como a planificación dos adestramentos xa se farán baixo os novos criterios do Belenos e será entón cando se note aínda máis a seriedade e a profesionalidade coa que traballan. Estou convencido de que levarán o proxecto ao seguinte nivel, os xogadores da zona teñen a calidade suficiente para estar cos mellores e coido que en pouco tempo poderemos ver algún deles debutar en División de Honra”. explica Guillermo Fernández, quee seguirá na directiva do club colaborando e axudando na transición.
“ Traballouse moito e ben, hai xogadores en todas as categorías, escolas en varios puntos de Galicia e Asturias, equipo de Rugby Inclusivo, así como academia e equipos sénior. Esta tempada serviunos para traballar moito conceptos técnicos e tácticos que en competición resulta máis complicado. A partir de agora tense que consolidar este traballo e facelo crecer, e seguro que o bo facer de Belenos Rugby, con Felipe Blanco á cabeza, conseguirán ambos os dous obxectivos”, engade.
Pendentes aínda do inicio das competicións, xogos do principado para a escola e academia e liga para sub18 e sénior, o BeOne Rugby segue traballando a ambos os dous lados da ría para que o rugby sexa unha alternativa deportiva e de formación en valores para os mozos na súa ampla zona de influenza.