O benxamín Trasnos do Club Isla Pancha suma tres puntos na Liga Autonómica en Ourense

O equipo benxamín Trasnos do Club Isla Pancha de hóckey liña de Ribadeo desprazouse este sábado 7 de febreiro ata Ourense para disputar unha nova xornada da Liga Autonómica, na que participou en dous encontros cun balance positivo. Os máis pequenos do club conseguiron unha vitoria fronte ao Alquimia Inline da Coruña e caeron por unha marxe axustada ante o Meigas de Lugo, nun partido moi competido ata o final.
Grazas a estes resultados, o conxunto ribadense suma tres puntos máis na clasificación, consolidando o seu traballo nunha competición esixente e demostrando a progresión do equipo ao longo da tempada.
Os vindeiros compromisos do benxamín Trasnos terán lugar o 28 de marzo na capital provincial. Os partidos disputaranse no pavillón Daniel Cordido, onde se enfrontarán aos equipos locais Aquelarre de Meigas e Ártabros da Coruña.
Cómpre salientar que o Club de hóckey liña Isla Pancha conta nesta tempada con equipos en cinco categorías da Liga Autonómica: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e hobbyhockey. Ademais, o club experimentou un incremento de matrícula superior ao 300 % nos últimos anos, un dato que reflicte o crecente interese por este deporte na Mariña e o bo traballo desenvolvido pola directiva e polas familias que forman parte da entidade.