O "Bautista Pino" levará a Virxe do Carme na procesión marítima de Celeiro 2026

AMariñaXa
O arrastreiro volverá presidir o acto central das festas do mar dez anos despois da súa primeira participación, nunha das tradicións máis emblemáticas da ría de Viveiro
buque-pesqueiro-Bautista-Pino
16 Jul 2026

O buque pesqueiro Bautista Pino será o encargado de portar a imaxe da Virxe do Carme durante a tradicional procesión marítima que se celebrará o vindeiro 26 de xullo na ría de Viveiro, coincidindo co acto máis representativo das Festas Patronais e do Mar de Celeiro.

A embarcación, propiedade da empresa Pino Montero S.L., asumirá un dos maiores recoñecementos para a frota local ao converterse no barco que encabezará o percorrido da patroa dos mariñeiros. A responsabilidade recae na familia Pino, cunha longa traxectoria vinculada ao sector pesqueiro, representada na actualidade por Juan Bautista Pino Cao, quen continúa o legado iniciado polos armadores Manuel Pino Montero, coñecido como "Lolo", e o seu irmán Ché da Montera.

Esta non será a primeira vez que o Bautista Pino desempeñe este papel. A embarcación xa foi elixida en 2016 para transportar a imaxe da Virxe do Carme, polo que unha década despois volverá protagonizar unha das estampas máis emotivas das celebracións, un feito que a familia e a tripulación reciben con especial satisfacción.

Construído en 1998, o Bautista Pino é un arrastreiro de litoral de casco de aceiro, con 29 metros de eslora, dedicado á modalidade de arrastre de fondo no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste. Ao longo da súa traxectoria consolidouse como unha das embarcacións da frota de Celeiro e agora volverá asumir un papel destacado nunha celebración profundamente arraigada entre a xente do mar.

A procesión marítima da Virxe do Carme constitúe unha das tradicións relixiosas e mariñeiras máis importantes do litoral galego. Cada ano reúne milleiros de persoas que seguen desde terra e desde o mar o percorrido da patroa pola ría de Viveiro, nun acto no que se mesturan fe, tradición e identidade mariñeira.

Nos últimos anos foron distintas as embarcacións encargadas de transportar a imaxe, entre elas Sempre Antares (2025), Albelo Primeiro (2024), Saiñas (2023), Currana Un (2022 e 2018), Cristo del Buen Viaje (2019), Galiana Primeiro (2017) e Arrigorri (2015).

Desde a organización das festas agradeceron a colaboración da empresa Pino Montero S.L. e da tripulación do Bautista Pino, cuxa implicación permitirá manter viva unha das tradicións máis simbólicas da costa galega. Ademais, avanzan que a procesión deste ano contará cun momento especialmente emotivo, ao tempo que fan un chamamento ás embarcacións deportivas e de recreo para que respecten as normas de navegación e as indicacións establecidas durante o desenvolvemento do acto.

0.14990592002869