O barrio das Corporacións prepara unha nova edición do seu San Xoán popular en Foz

O barrio das Corporacións, en Foz, volverá converterse nun punto de encontro para a veciñanza coa celebración dunha nova edición do San Xoán popular, unha cita festiva que terá lugar o vindeiro 23 de xuño e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A presentación do programa desenvolveuse este venres coa participación do deputado de Mocidade, Daniel García, e representantes da asociación Pe do Molete, entidade encargada da organización dunha xornada que busca manter vivas as tradicións ligadas a unha das noites máis emblemáticas do calendario galego.
As actividades darán comezo ás 13.30 horas co pregón que pronunciará José Antonio Neira, coñecido como Chichita. A partir dese momento, o programa estenderase durante toda a tarde e a noite con distintas propostas de carácter festivo e cultural ata chegar ao momento central da celebración, o acendido da fogueira de San Xoán.
A programación incluirá tamén unha intervención do colectivo cultural focense O Feitizo, que ofrecerá unha representación vinculada ao simbolismo e aos rituais asociados a esta data tradicional. A música terá igualmente un papel destacado coa presenza da charanga ourensá Los Támega, encargada de animar a celebración.
Durante a presentación, Daniel García destacou o labor que realiza a asociación organizadora para impulsar unha actividade que favorece a convivencia e a participación veciñal, ao tempo que contribúe a conservar costumes e tradicións que forman parte do patrimonio cultural galego.
A colaboración institucional con esta festa forma parte das iniciativas orientadas a apoiar o tecido asociativo e a promover a presenza da música tradicional, da animación de rúa e das propostas culturais en galego nas celebracións que se desenvolven ao longo do ano nas diferentes comarcas da provincia.