O baloncesto toma a Praza da Mariña co Torneo 3x3 Feira do Bonito en Burela

Burela prepárase para unha nova edición do Torneo 3x3 Feira do Bonito, un evento que converterá a Praza da Mariña no epicentro do baloncesto durante catro xornadas intensas de deporte e espectáculo. A cita, organizada polo Club Baloncesto Burela en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, celebrarase entre o 30 de xullo e o 2 de agosto, coincidindo coas datas da tradicional Feira do Bonito.
O torneo contará con categorías masculinas e femininas en diferentes idades: sénior, U18, U16, U14, U12 e U10, converténdose nunha actividade aberta a xogadores de todas as xeracións. Ademais, o evento premiará o mellor equipo sénior cun galardón de 500 euros e entregará 150 euros ao mellor equipo da Mariña, sumando un total de 2.800 euros en premios a repartir entre os participantes.
Xunto á competición principal, o Torneo 3x3 incluirá concursos de lanzamentos de triples e probas de habilidades, sumando emoción e espectáculo ás xornadas.
O Club Baloncesto Burela anima á participación masiva tanto de xogadores como de público, resaltando que o evento “vai máis alá do deportivo, sendo tamén unha cita social e festiva dentro do verán burelao”. As inscricións poden realizarse xa a través do código QR presente nos carteis oficiais ou na web 3x3burela.blogspot.com.