O baile tradicional enche de ambiente a Praza do Conde Santo na segunda cita de Verán na Praza

A Praza do Conde Santo converteuse este mércores nun punto de encontro para a música, o baile e a tradición coa celebración da segunda actividade do programa Verán na Praza, impulsado polo Concello de Lourenzá. A proposta consistiu nun obradoiro interactivo de baile tradicional galego que congregou a numerosos veciños e visitantes nunha xornada marcada pola participación e a convivencia.
A alcaldesa, Rocío López, destacou a boa resposta do público e subliñou que a iniciativa, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, permitiu achegar o patrimonio cultural galego a persoas de todas as idades. Durante a sesión, os asistentes aprenderon os pasos e movementos básicos dos bailes tradicionais da man dos integrantes da asociación, nun ambiente distendido e aberto á participación.
A actividade rematou cun baile colectivo no que os participantes puxeron en práctica todo o aprendido ao longo do obradoiro, convertendo a praza nun espazo de celebración arredor da cultura popular galega. Segundo sinalou a rexedora, este tipo de iniciativas contribúen a preservar as tradicións e, ao mesmo tempo, favorecen o encontro entre a veciñanza durante os meses de verán.
Ademais da experiencia cultural, os asistentes tiveron a oportunidade de obter o segundo selo do Pasaporte de Verán, unha proposta integrada na programación municipal coa que se pretende incentivar a participación nas distintas actividades previstas ao longo da tempada estival.
Desde o Concello fan unha valoración moi positiva desta segunda cita de Verán na Praza, ao considerar que o programa continúa cumprindo o seu obxectivo de dinamizar os espazos públicos mediante actividades culturais e de lecer para todos os públicos. A administración local tamén agradeceu a colaboración da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e do tecido asociativo do municipio, ao tempo que anima á cidadanía a seguir participando nas próximas convocatorias.