O Arco da Vella de Barreiros afronta un verán cheo de actividade e tradición

A asociación cultural Arco da Vella de Barreiros, presidida por Laura, realiza nestes días un balance moi satisfactorio do curso que está a rematar, no que destacan especialmente pola boa acollida das súas actividades e pola implicación de todas as seccións do grupo.
Como peche do período formativo, o pasado sábado celebrouse o festival infantil de fin de curso, unha cita que serviu como mostra do traballo desenvolvido ao longo do ano e que deixou moi boas sensacións entre participantes e público asistente.
Porén, a actividade non se detén e o mes de xullo preséntase especialmente intenso para a agrupación. O calendario arrinca o día 11 de xullo cunha actuación dos gaiteiros en Vilamartín. O 18 de xullo será a quenda da sección infantil, que participará na celebración do Carme en San Miguel. Xa o día 25, os gaiteiros volverán subir ao escenario en Reinante, mentres que o 31 de xullo ás 22:00 horas a formación actuará na parroquia de Saldanxe, na Pastoriza.
Máis alá destas citas inmediatas, o colectivo xa ten a vista posta en dous dos seus eventos máis destacados do verán. Por unha banda, a Foliada do Emigrante, que se celebrará o venres 7 de agosto, e por outra o Festival Folclórico Internacional do Emigrante, declarado de Interese Turístico de Galicia, que terá lugar o sábado 8 de agosto ás 21:30 horas no campo de fútbol de As Valgas, en San Miguel.
Un calendario que confirma, segundo a propia entidade, un verán de gran actividade no que a música tradicional e a participación comunitaria volverán ser protagonistas.