O alumnado do Pedro Murias afonda na investigación e prevención dos incendios forestais

O alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias, en Ribadeo, participou esta semana nunha intensa xornada formativa centrada na prevención e investigación dos incendios forestais.
A actividade foi impartida por profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia, procedentes dos distritos VI (A Mariña luguesa), VII (A Fonsagrada-Os Ancares) e VIII (Terra de Lemos). O obxectivo principal foi achegar ao estudantado unha visión práctica e actualizada do funcionamento do dispositivo autonómico e das técnicas empregadas na loita contra o lume.
A formación combinou contidos teóricos con exercicios sobre o terreo. No ámbito da investigación, o alumnado afondou na análise das evidencias físicas e vestixios que permiten determinar a orixe dun incendio forestal, así como na identificación do punto de inicio e na interpretación da evolución das lapas a partir de casos reais. Esta aproximación permitiu comprender como se reconstrúe o comportamento dun lume e que factores inflúen na súa propagación.
Ademais, abordouse o funcionamento do operativo de incendios en Galicia e os protocolos de actuación ante situacións de emerxencia, ofrecendo unha panorámica completa da coordinación e resposta ante episodios de alto risco.
A parte práctica desenvolveuse en tres áreas diferenciadas. Nunha primeira zona, o alumnado traballou cos sistemas de comunicación e co uso correcto dos equipos de protección individual (EPIs), incidindo na súa revisión, colocación e boas prácticas. Nun segundo espazo, analizouse o funcionamento dos vehículos de extinción, como motobombas e pick-up, coñecendo as súas capacidades operativas, normas de seguridade e apoio ás manobras no terreo. Finalmente, nunha terceira área, realizáronse prácticas de tendido de mangueiras, manexo de ferramentas manuais e material específico de extinción, así como organización do traballo e seguridade en campo.
Esta xornada permitiu ao alumnado achegarse á realidade profesional dun sector clave na protección do medio natural galego, reforzando coñecementos técnicos e competencias prácticas fundamentais para o seu futuro laboral.