O alumnado do obradoiro de emprego Terras do Sor VII recibe os seus diplomas

TerraChaXa | AMariñaXa
Centrado en dúas especialidades, en atención sociosanitaria e traballos de carpintería e moble
211124-Clausura-obradoiro-Vicedo
21 Nov 2024

A Xunta entregou os diplomas ás 20 persoas alumnas-traballadoras que se formaron durante o último ano no obradoiro de emprego Terras do Sor VII, promovido polo Concello do Vicedo asociado cos de Ourol e Muras.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiou a actividade con 551.000 euros, incluídos os incentivos para a contratación de participantes en empresas por un período mínimo de tres meses unha vez que finalice o taller. Os postos de traballo que ocuparán están relacionados coas materias impartidas.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, participou hoxe no acto de clausura, onde destacou que o alumnado “sae mellor preparado para optar a un emprego de calidade ou mesmo para explorar a posibilidade de emprender un negocio”. Se optan por esta última alternativa “poden buscar apoio e asesoramento gratuíto na rede de Polos de Emprendemento da Xunta”, que conta cunha oficina en Mondoñedo para a área da Mariña.

O obradoiro alternou a formación teórica coa práctica profesional en dúas especialidades: atención sociosanitaria e traballos de carpintería e moble. O alumnado da primeira realizou as prácticas na residencia de maiores Betania de Viveiro.

Na modalidade de carpintería acometéronse traballos de interese público, como a fabricación de mobiliario urbano. Así, os tres concellos contan con cadeiras pregables elaboradas no taller. Ademais, para o Vicedo fixéronse xardineiras, papeleiras, bancos, cobre contedores e dúas porterías de fútbol. Para Ourol elaboráronse cobre contedores e dúas marquesiñas; ademais dun valado de madeira destinado ao Paseo da Rega. Tamén se instalou un ceo raso no salón de plenos da Casa do Concello.

No caso de Muras, aplicáronse tratamentos antifungos e antixilófagos no mobiliario urbano e fabricouse unha porta corredoira para a Aula da Natureza.

0.16157913208008