O alumnado do Obradoiro de Emprego de Cervo inicia os traballos de poda ornamental na Avenida de Galicia

O alumnado do Obradoiro de Emprego de Cervo xa comezou a trasladar á práctica os coñecementos adquiridos durante a súa formación, con intervencións en distintos espazos públicos do municipio. Un dos primeiros traballos que están a desenvolver é a poda ornamental das árbores situadas na Avenida de Galicia.
Os participantes na especialidade de xardinería están realizando labores de poda nesta vía, aplicando sobre o terreo as técnicas e habilidades que van aprendendo ao longo do programa formativo. Esta actividade permite que o alumnado adquira experiencia práctica nun ámbito directamente relacionado coa súa preparación profesional.
Desde o Concello de Cervo valoraron o traballo que están realizando os integrantes do obradoiro e agradeceron a súa implicación, dedicación e esforzo, así como a contribución que están facendo para mellorar diferentes lugares do municipio.
O programa combina a formación teórica coa realización de tarefas prácticas, unha fórmula que facilita que os participantes poidan familiarizarse coas labores propias da profesión e, ao mesmo tempo, colaborar no coidado, conservación e acondicionamento das zonas públicas.
Deste xeito, o Obradoiro de Emprego non só busca favorecer a capacitación e a adquisición de experiencia laboral do alumnado, senón tamén repercutir positivamente no estado e na imaxe dos espazos municipais, que están a ser mellorados para o uso e desfrute da veciñanza.