O alfocego, Lionel Rexes, presenta a súa novela en Alfoz

AMariñaXa
O alfocego, Lionel Rexes, publica unha nova novela. A montaña do poeta, foi galardoada no Grove co premio Lueiro Rey de Novela
lionel rexes libro 1
lionel rexes libro 1
28 nov 2022

A Asociación Veciñal de Mor, de Alfoz, organiza para o vindeiro 3 de decembro ás 19.00 horas na casa da cultura de Alfoz a presentación do libro A montaña do poeta.

Intervirá o propio autor e mais Pepe de Noriega, descendente do poeta Antonio Noriega Varela e estudoso da súa figura.

Esta novela está escrita polo alfocego Lionel Rexes é foi galardoada no Grove co premio Lueiro Rey de Novela a finais do pasado ano.

Publicada por Xerais, esta obra ambientada en escenarios tanto rurais coma urbanos, desenvolve a súa trama principal nun lugar imaxinario chamado Lagoa, unha poboación onde o desequilibrio demográfico orixina curiosas relacións sociais.

O argumento, familiarizado co thriller de conspiración, parte dun suceso do pasado para instalarse na actualidade e desenvolver unha acción de alta intensidade.

É pouco coñecido o vínculo do escritor Antonio Noriega Varela, alcumado popularmente como O poeta da montaña, cunha vetusta construción situada no Alfoz do Castrodouro. Deste feito real parte unha ficción absolutamente contemporánea, unha trama que recrea o ocaso dun rural onde a mocidade loita por atopar oco e os anciáns, acompañados dos seus cans, matan o tempo morto legando a bagaxe da vida. No medio desta existencia rutineira, un suceso con esencia ideolóxica sacudirá a dinámica do municipio.

O autor xa gañara o mesmo premio en 2017 coa novela A raíña das velutinas, obra que tamén fora publicada por Xerais e gozara dunha segunda edición ao ano seguinte.

presentacion libro lionel rexes