O alcalde de Trabada visita o centro de maiores e o colexio polo Nadal

O Concello de Trabada inicia o Nadal, o alcalde, Rubén García, acompañado polo Goberno local, realizou unha visita ao centro de maiores e ao Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) para transmitir os seus mellores desexos.
No centro de maiores, o rexedor compartiu un tempo coas persoas usuarias, felicitándoas polo Nadal e entregándolles un agasallo como mostra de afecto nestas datas tan especiais. “Son unhas datas sinaladas e quería pasar por aquí, un centro que é un orgullo para todos, cunha xestión centrada nas persoas, un modelo de residencia no que se pretende que os maiores manteñan o vínculo co seu medio, cos seus familiares e amigos”, declarou Rubén García durante a súa visita.
Posteriormente, o alcalde desprazouse ao CEIP de Trabada, onde felicitou as festas ao equipo directivo, ao profesorado e ao alumnado, que hoxe inician oficialmente as súas vacacións de Nadal. Con estas visitas, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa atención ás persoas maiores e co apoio á comunidade educativa, subliñando a importancia de manter vivas as tradicións e o espírito do Nadal no municipio.