O alcalde de Trabada leva a Bruxelas as necesidades do municipio e presenta novos proxectos

AMariñaXa
Rubén García Freije reuniuse con representantes institucionais, visitou o Parlamento Europeo e participou en foros sobre innovación e desenvolvemento do medio rural para explorar futuras vías de colaboración
Alcalde-de-Trabada-en-Bruxelas
16 Oct 2026

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, desenvolveu nos últimos días unha axenda de traballo en Bruxelas para trasladar as necesidades do municipio, dar a coñecer iniciativas locais e establecer contactos con representantes das institucións europeas e entidades relacionadas co desenvolvemento territorial.

Entre os encontros mantidos figura unha reunión co eurodeputado Nicolás González Casares, na que o rexedor expuxo diferentes propostas vinculadas ás demandas da veciñanza e aos desafíos específicos dos concellos rurais. Durante a conversa tamén presentou un proxecto de carácter social no que está a traballar o Concello e cuxos detalles se coñecerán nas próximas semanas.

A actividade institucional incluíu tamén un encontro con Marcos Alonso, embaixador permanente de España ante a Unión Europea, así como unha visita ás instalacións da representación española en Bruxelas. Ademais, García Freije achegouse ao Parlamento Europeo para coñecer o funcionamento da institución e o traballo que se desenvolve no ámbito comunitario.

A axenda completouse coa participación en distintas actividades da Semana Europea das Rexións e das Cidades, entre elas unha reunión na Delegación do País Vasco. O alcalde asistiu tamén ao Foro Europeo de Innovación no Rural, centrado nos retos e oportunidades dos territorios rurais e nas posibilidades que ofrece a innovación para o seu desenvolvemento.

Segundo explicou García Freije, estes encontros permitiron "trasladar a realidade e as necesidades de Trabada a diferentes representantes institucionais, presentar proxectos nos que estamos traballando e coñecer experiencias doutros territorios que tamén afrontan os retos propios do medio rural".

O rexedor incidiu igualmente na intención de aproveitar os contactos establecidos para impulsar futuras iniciativas. "Un dos obxectivos destes encontros foi abrir novas vías de comunicación e colaboración con institucións e entidades públicas e privadas que poidan resultar de interese para desenvolver futuros proxectos en Trabada", sinalou.

A visita serviu así para intercambiar experiencias con outros territorios, coñecer iniciativas relacionadas co desenvolvemento rural e explorar posibles colaboracións institucionais que poidan beneficiar o municipio.

0.12912201881409