O alcalde de Trabada denuncia que a Xunta deixe sen médico ao concello

AMariñaXa
A situación é “crítica no centro de saúde de Trabada, posto que nesta segunda quincena de agosto haberá un médico só 4 días"
centro de saúde trabada
22 Aug 2024

O Concello de Trabada vén de enviar un escrito á Xunta de Galicia reclamando que se cubra a praza do médico do centro de saúde, xa que o único facultativo que queda traballando no centro atópase agora mesmo de vacacións. Ademais, o alcalde Rubén García advirte que “a Xunta está preparando o camiño para deixar sen médico ó centro de saúde do municipio, despois de ternos quitado o segundo médico hai uns meses”.

O rexedor apunta que “a Xunta deixounos só cun médico ao non cubrir a praza do que se xubilou o ano pasado, e agora, o que queda, que se atopa agora mesmo de vacacións, tamén se vai xubilar proximamente”. A situación é “crítica no centro de saúde de Trabada, posto que nesta segunda quincena de agosto haberá un médico só 4 días de 9.00 a 13.00, e agora hai unha clara ameaza de que quedemos sen ningún profesional deste tipo”, lamenta.

García lembra que “Trabada é un concello cunha poboación envellecida e que aumenta considerablemente a súa poboación no verán, polo que xa de por si un médico non é suficiente, e a situación é cada vez peor”. Dende o equipo de Goberno de Trabada “están moi preocupados, non se pode consentir esta situación”, engade o alcalde. No escrito enviado á Consellería de Sanidade sinálase que no mesmo día 19 de agosto, co comezo das vacacións do médico que non foron cubertas, “déronse catro urxencias, as cales non puideron ser atendidas por ningún profesional médico de familia”.

En tres casos “tiveron que esperar pola chegada dunha ambulancia e ser desprazados ata o Hospital da Costa de Burela, sen poder contar cun primeiro diagnóstico por parte dun profesional do centro de saúde de Trabada”, explícase no documento. Tamén se relata que “o cuarto caso foi trasladado por un familiar ata o centro de saúde de Ribadeo, dado que no centro máis preto ao que acudiu, que foi o de Lourenzá, o profesional que se encontraba neste centro non quixo atender esta urxencia”.

0.1680600643158