O alcalde de Foz demándalle á Xunta unha solución urxente á falta de transporte público para os estudantes

Foz
AMariñaXa
Cajoto, xunto co concelleiro Ángel Fernández Neira, recibiu na Casa do Concello a un grupo de estudantes do IES Perdouro de Burela
casa-do-concello-de-foz
25 sep 2024

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, solicitou unha solución inmediata á Xunta de Galicia para resolver a falta de transporte público que está a afectar aos estudantes do municipio. Cajoto, xunto co concelleiro Ángel Fernández Neira, recibiu na Casa do Concello a un grupo de estudantes do IES Perdouro de Burela que non puideron acudir ás clases debido á falta de asentos dispoñibles na liña de autobús regular.

O rexedor municipal explicou que "só dous estudantes conseguiron subir ao autobús, mentres que o resto tivo que quedar sen transporte". Esta situación repítese diariamente, o que obriga aos alumnos a decidir entre eles quen pode asistir ás clases e quen non. “É imprescindible reforzar a liña para garantir que todos os estudantes teñan acceso ao transporte escolar. Falamos de alumnos de ensinanza pública que perden clases por falta de prazas. Hai que adaptar o servizo ás necesidades reais de forma urxente”, sinalou Cajoto.

Ademais, o Concello de Foz segue á espera dunha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para solicitar a modificación do percorrido da liña Alfoz-Burela, co fin de incluír os veciños de Cordido e Moucide, zonas tamén afectadas polos problemas de transporte. Cajoto urxe á Xunta a actuar de inmediato para resolver estas incidencias e garantir o acceso ao transporte público de todos os estudantes da localidade. "Seguiremos reclamando unha solución á Xunta de Galicia para que este problema sexa xestionado con rapidez, do mesmo xeito que fixemos co caso dos alumnos de Cordido", conclúe o alcalde.

0.15106511116028