O actual bloqueo telefónico do tramo Ortigueira-Ribadeo substituirase por un regulado por telemando

AMariñaXa
O Goberno destina 20,8 millóns de euros a completar a automatización da rede ferroviaria de ancho métrico de Galicia
vias tren
vias tren
5 dic 2022

O actual bloqueo telefónico do tramo Ortigueira-Ribadeo substituirase polo bloqueo automático tipo BLAU, regulado por telemando.

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) destinará 20,8 millóns de euros a completar a automatización da rede de ancho métrico galega, tras a adxudicación aprobada no último Consello de Administración do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras para a supresión do bloqueo telefónico do tramo Ortigueira-Ribadeo, na liña de ancho métrico Ferrol-Pravia.

A empresa adxudicataria foi a UTE integrada polas Thales España GRP e Thales Sistemas de Seguridade. A actuación ten un prazo de execución de 27 meses e súmase aos traballos en execución para a supresión de bloqueos telefónicos no tramo Ferrol-Ortigueira.

O tramo Ortigueira-Ribadeo forma parte da liña de ancho métrico Ferrol-Pravia e discorre ao longo de 101 km entre a estación de Ortigueira e o viaduto da Ría do Eo (Ribadeo), en vía única non electrificada. Este tramo está dotado de sistema de axuda á condución de Anuncio de Sinal e freado Automático (ASFA) analóxico e bloqueos telefónicos entre as estacións lindeiras.

A actuación de Adif equipará á liña das instalacións de seguridade e comunicacións, que substituirán o actual bloqueo telefónico do tramo polo bloqueo automático tipo BLAU, regulado por telemando desde o Centro de Regulación de Circulación (CRC) do Berrón (Asturias).

Ademais, procederase a substituír o equipamento de vía do sistema ASFA analóxico polo sistema ASFA dixital e sinais convencionais por sinais de focos tipo led.

Así, a execución do proxecto de supresión de bloqueos telefónicos do tramo Ortigueira-Ribadeo completará a automatización de toda a rede de ancho métrico de Galicia. Neste sentido, Adif ten en marcha as obras de supresión do bloqueo telefónico no tramo Ferrol-Ortigueira (na mesma liña de ancho métrico Ferrol-Pravia), cun investimento de máis de 13 millóns de euros.

A instalación de bloqueo automático na rede de ancho métrico de Galicia e o control de tráfico mediante telemando desde o CRC do Berrón (Asturias) permitirá melloras substanciais na explotación ferroviaria, fundamentalmente, unha maior capacidade da liña e regularidade nas circulacións dos trens, así como unha mellora da seguridade e fiabilidade das instalacións.