O actor Carlos Blanco será o pregoeiro do Entroido de Ribadeo

AMariñaXa
O coñecido actor Carlos Blanco será o pregoeiro do Entroido de Ribadeo. O programa inclúe os sorteos da noite temática e das mascaritas
1 entroido ribadeo 2023 cartel
1 entroido ribadeo 2023 cartel
4 feb 2023

O coñecido actor Carlos Blanco será o pregoeiro do Entroido de Ribadeo. Entre as novidades que inclúe o programa destacan os sorteos da noite temática e das mascaritas do domingo lardeiro, así como a animación musical prevista para o baile infantil a cargo de Paco Nogueiras e o obradoiro de mascaritas para as nenas e os nenos que se desenvolverá o luns 20 de febreiro e ao que seguirá un pequeno desfile guiado por música tradicional polo Cantón.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “Concello e Acisa ultimamos estes días os detalles do Entroido 2023, que arrincará o 17 de febreiro co pregón que pronunciará o coñecido actor, autor e director Carlos Blanco. Será ás sete e media da tarde no Teatro. E despois a partires das nove da noite ofrecerá unha función no auditorio municipal Hernán Naval”.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado indicou que “o sábado, día 18, temos a festa temática de heroes e heroínas. As persoas que se disfracen e consuman nos establecementos hostaleiros adheridos o 17 e o 18 entrarán no sorteo de 3 premios de 100 euros en metálico cada un. Temos que aclarar que por heroes e heroínas entendemos, por exemplo, todas esas mulleres que tiveron un papel fundamental ao longo da historia, que nadaron moitas veces contracorrente, mulleres pioneiras no seu tempo, e tamén esas súper mulleres da vida cotiá, as súper avoas, como a que nos deixou Yoseba MP na avenida de Galicia, onde temos esa imaxe de Concha de Ove, que xa quedará para sempre na nosa memoria, en fin, todas as persoas que son verdadeiros heroes e heroínas loitando na vida, ademais deses outros heroes ou heroínas que podemos ter na cabeza como Superman ou similares”.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “o 19 de febreiro, o domingo lardeiro, sairá a comparsa do cocho, acompaña de charangas, de gaitas e de mascaritas. No Cantón haberá unha concentración de mascaritas, entre as que se sorteará unha noite de aloxamento en Paradores e unha cea para dúas persoas no restaurante Javier Montero. E xa pola tarde será o baile infantil na discoteca Rosalar, que contará coa animación musical de Paco Nogueiras. Esta é unha das novidades importantes do programa do Entroido 2023 de Ribadeo”.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, suliñou que “outra das novidades será o obradoiro de mascaritas, que terá lugar o luns, 20 de febreiro, no campo de San Francisco para as nenas e os nenos de Ribadeo, que deberán levar algún pano, mandilón ou bata de casa para gozar desta xornada, que rematará cun pequeno desfile pola contorna do Cantón ao compás dun gaiteiro. Queremos animar a toda a xente miúda de Ribadeo a participar nesta cita”.

O edil ribadense, Vizoso Galdo, seguiu a relatar que “o martes, día 21, será o Gran Desfile de Entroido, que partirá ás cinco da tarde da rúa Rosalía de Castro e rematará diante do Concello, onde terá lugar a entrega de premios. En total imos repartir máis de 3.500 euros e outros agasallos. Que todo o  mundo estea pendente da web do Concello e das redes sociais para poder facer as inscricións. Todas as persoas que queiran obter máis información poden dirixirse ao teléfono da oficina de turismo de Ribadeo, que é o 982 128 689”.

Carmen Cruzado engadiu que “esta tradicional cita rematará coa Queima do Entroido o 25 de febreiro, sábado, na avenida Rosalía de Castro, como ven sendo habitual. Sabemos que hai moitas ganas de vivir este momento, que non se puido celebrar nos anos 2021 e 2022 por mor da pandemia da covid. A Queima desenvolverase no medio de fogos artificiais e cunha monumental traca como peche de festa”.

Concello e Acisa agradecen a colaboración das charangas de Ribadeo e animan “ás e aos ribadenses e tamén á veciñanza de toda a contorna galega e asturiana a disfrazarse e a gozar do Entroido de Ribadeo. Hai moitos premios agardando por vós, tanto no desfile, como na festa temática ou para as mascaritas. Imos desempoar a roupa e que viva o Entroido”.

328025233_933299011158546_7442565663036715857_n