O 8M de Burela homenaxeará ás xogadoras do Pescados Rubén Burela
O Concello de Burela presenta a súa programación para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Sandra Fernández, concelleira de Igualdade, convida a toda a veciñanza "a asistir aos actos en torno a esta data tan sinalada, que este ano teñen como broche de ouro a homenaxe ás guerreiras do equipo feminino do Pescados Rubén Fútbol Sala, mulleres que loitan pola igualdade e a visibilidade da muller no deporte".
Pola súa banda, a alcaldesa Carmela López sinala que “o 8M é un día para promover a loita por un mundo onde as mulleres sexamos socialmente iguais e totalmente libres, e por iso, dende Burela, imos homenaxear ás nosas guerreiras laranxas, as que están, as que estiveron e as que estarán, para que continúen abrindo camiño e, ademais, facendo historia”.
“Animamos a toda a cidadanía de Burela a sumarse á conmemoración desta data tan reivindicativa e a participar das actividades que forman parte da programación deste ano”, engadiu a alcaldesa.
A programación comezará este venres 1 de marzo ás 18.00, coa inauguración da exposición dos traballos do curso de bordado e homenaxe a dúas mulleres burelás que formaron redes de apoio a través desta arte, na Casa da Cultura.
No propio día 8 de marzo terá lugar ás 9.15 a homenaxe ás xogadoras do Pescados Rubén Burela de fútbol sala feminino, baixo o lema "Burela guerreira pola igualdade", no pavillón Vista Alegre.
No mesmo día ás 12.00 na praza do Concello terá lugar a lectura do manifesto institucional. E o 15 de marzo pola mañá representarase a obra de teatro '#2Pilgrims" para os institutos de Burela, e ás 21.00, no auditorio a un prezo de 4 euros.
Ademais, ao longo de marzo haberá diversos obradoiros dirixidos a centros educativos sobre "Educación sexual dixital e pornografía".