Novo escenario de diálogo entre Ribadeo e a Deputación tras anos de espera

AMariñaXa
O alcalde Dani Vega salienta o clima de entendemento coa presidenta Carmela López e agarda compromisos concretos para o municipio
Ribadeo-Deputacion-reunion-Vega-Carmela-2026
22 Feb 2026

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, cualificou de “positiva” a reunión mantida nas últimas horas coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López. O rexedor destacou o ton institucional do encontro e puxo en valor a disposición ao diálogo mostrada pola nova responsable provincial.

Durante a xuntanza, o Concello trasladou varias demandas prioritarias, entre elas a necesidade de actuar con urxencia nas estradas de titularidade provincial que atravesan o municipio. Vega insistiu en que vías como a LU-5204, LU-5205 e LU-5201 presentan un estado “moi deficiente”, especialmente nos tramos que conectan parroquias como Arante, A Devesa ou Santalla. Ademais da mellora do firme, o alcalde reclamou tarefas periódicas de conservación e limpeza.

Outro dos asuntos centrais foi a solicitude de colaboración económica para dotar de equipamento ao hospital asilo, así como a sinatura dun convenio que permita acometer actuacións pendentes, como o arranxo do Camiño das Barreiras, unha das principais entradas á vila. Vega tamén propuxo que a Deputación asuma o 50 % do investimento necesario para construír un novo campo de herba artificial, un proxecto valorado en arredor de 550.000 euros e que, segundo explicou, supera a capacidade financeira do Concello.

O alcalde agradeceu igualmente o apoio comprometido pola institución provincial para a nova residencia, da que asumirá o financiamento íntegro, un xesto que cualificou de “boa xestión” e que considerou digno de recoñecemento público.

Con todo, Vega lembrou que nos últimos dous anos Ribadeo non recibiu achegas económicas da Deputación e subliñou que agora cómpre concretar as colaboracións anunciadas. “O respecto institucional é fundamental, pero debe traducirse en investimentos reais”, sinalou.

O rexedor amosouse confiado en que esta nova etapa estea marcada pola cooperación entre administracións e expresou o seu desexo de manter encontros tamén co resto do equipo de goberno provincial para abordar cuestións relacionadas co deporte, o medio rural e a cultura. “O importante é que a Deputación estea ao lado de todos os concellos sen excepción”, concluíu.

0.08087420463562