Nove dos 20 premios da campaña da Federación de Comercio quedaron na comarca

TerraChaXa | AMariñaXa
Un total de nove premios dos 20 que se repartiron no sorteo da campaña Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti.
17 Xan 2021

Un total de nove premios dos 20 que se repartiron no sorteo da campaña Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti. Comercio de Lugo Seguro, Nadal Seguro, quedouse na comarca da Mariña. Trátase dun concurso que que a institución provincial impulsou cunha achega económica de 52.000€ en colaboración coa Federación de Comercio.

A iniciativa resultou ser un éxito, logo de que xerara un volume de negocio de máis de 2,3M€ en compras realizadas en 5.500 comercios de proximidade da provincia durante o Nadal, en máis de 40 localidades en colaboración coas asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos da provincia de Lugo.

Nesta edición, en comparación coa celebrada o ano pasado, rexistrouse un incremento da participación do 7% , chegando a un total de 37.055 persoas. Os concellos nos que se rexistrou un volume máis alto de implicación coa campaña foron os de Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Foz.

A Deputación de Lugo achegou 52.000€ co obxectivo de incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante o Nadal, dentro da súa folla de ruta de traballar da man co tecido asociativo da provincia e mellorar o actual contexto económico e social derivado da pandemia.

Gañadores dos 10.000€ en premios

As persoas gañadoras dos premios, que ascenden a 10.000 euros nesta edición, daranse a coñecer na xornada de mañá, venres, logo de que o notario que realizou o sorteo comprobe a validez dos tíckets que resultaron agraciados. En total, entregaranse 40 tarxetas: 20 tarxetas de 300 euros e 20 tarxetas de 200 euros.

As persoas agraciadas poderán canxear as tarxetas nos comercios adheridos á campaña, o que suporá unha nova inxección económica nos pequenos negocios da provincia. Para participar, as persoas que mercaran no comercio local debía fotografar e rexistrar o seu tícket de compra na web www.lugonadal.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante.

Apoio ao pequeno comercio

O Presidente da Deputación destacou que a institución colabora dende xa hai anos coa Federación de Comercio en programas e accións para visibilizar a calidade do sector, e para incentivar as compras no comercio de proximidade da provincia. “Foi sempre unha colaboración importante, pero, dende logo, neste ano é fundamental e imprescindible que desde a institución provincial fagamos esta inxección económica ao sector, tendo en conta que, xunto coa hostalería, o turismo e a cultura, é o que está a sufrir o impacto máis grave polas restricións da crise sanitaria”.

Así mesmo, o Presidente subliñou que esta colaboración enmárcase no compromiso da Deputación de traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia. Nesta liña, explicou que a institución provincial dedica 30M€, un terzo do total do Orzamento, a Políticas Sociais “porque cremos que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos máis vulnerables”.

“Con esta campaña apoiamos aos 5.500 comercios da provincia nunhas datas fundamentais, pois o Nadal representa un importante volume dos seus ingresos, supoñendo máis do 30% da facturación anual. O comercio de proximidade é un motor fundamental da economía da provincia de Lugo, xerador de emprego e riqueza, e dinamiza as rúas e a vida social. Ademais, é un comercio seguro”, salientou o mandatario provincial.

0.15681910514832