Nova iniciativa baseada no turismo xeolóxico de inverno, Mareas Vivas nas Catedrais
Á Área de Turismo pon en marcha unha nova iniciativa baseada no turismo xeolóxico de inverno. Trátase de Mareas Vivas nas Catedrais. Haberá tres días ao mes para realizar visitas guiadas ao areal da man dun xeólogo experto. As primeiras datas serán o 20, 21 e 22 de marzo e 19, 20 e 21 de abril, segundo deu a coñecer hoxe o concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso.
O edil ribadense explicou que “desde a Área de Turismo do Concello de Ribadeo, presentamos una nova iniciativa Mareas Vivas nas Catedrais, baseada no turismo xeolóxico de inverno e coa que buscamos mostrar a importancia do monumento natural praia das Catedrais nos mellores momentos do ano, cadrando coas mareas vivas”.
Pablo Vizoso subliñou que “este monumento natural praia das Catedrais representa unha das marabillas xeolóxicas máis salientables que podemos disfrutar en Galicia e o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ibérica. E a través das XeoRutas nas que se basea o proxecto, buscamos darlle a este espazo a relevancia que se merece”.
O concelleiro de Turismo sinalou que “con esta actividade podemos adentrarnos na xeoloxía e durante a XeoRuta poderedes descubrir, paso a paso, o proceso que deu lugar á creación dos arcos rochosos deste areal e porqué se concentra un número tan importante deles”.
Vizoso Galdo seguiu a relatar que “cada mes terás tres opcións (días), nos que aproveitaremos as mareas vivas para realizar visitas guiadas da man dun xeólogo esperto. Sen lugar a dúbida, unha experiencia incrible e única. Estas XeoRutas son totalmente gratuítas, só se recomenda traer roupa axeitada. O lugar de encontro para o inicio da actividade será o punto de información turística de As Catedrais”.
O edil nacionalista contou que “esta actividade desenvolverase os días 20, 21 e 22 de marzo e tamén os días 19, 20 e 21 de abril. Ademais, para completar a experiencia contamos cunha rede de aloxamentos que proporcionan un 10% de desconto na estancia en caso de presentar a reserva directa da actividade. A relación dos aloxamentos adheridos así como os horarios destas experiencias poden atoparse en mareascatedrais.ribadeo.gal ou en turismo.ribadeo.gal na sección de momentos. Aquelas persoas que queiran obter máis información poden dirixirse tamén ao teléfono da oficina de turismo de Ribadeo que é o 982 128 689”.