Nova etapa para o CD Foz coa renovación da súa directiva

Foz
AMariñaXa
Asier Burundarena lidera un equipo ilusionado e cheo de enerxía que aspira a manter viva a historia e o orgullo do club mariñao
Foz-Nova-directiva-CD-FOZ-2025-foto-de-Goretti-GZ
28 May 2025

O Club Deportivo Foz inicia unha nova etapa tras a renovación da súa directiva, que toma o relevo con “moita ilusión e moitas ganas de traballar”, segundo manifestaron os seus integrantes. O novo equipo está encabezado por Asier Burundarena, exfutbolista do propio CD Foz e tamén de equipos como o Viveiro CF, Vilalbés ou Ribadeo FC. A súa candidatura foi a única presentada para suceder a José Luis García Rivera, anterior presidente do club.

“Agradecemos enormemente á directiva saínte todo o traballo realizado e as facilidades brindadas para asumir esta responsabilidade”, sinalaron nun comunicado. Dende a nova directiva aseguran estar traballando “arreo” para dar forma aos primeiros pasos deste ciclo, co obxectivo de estar “á altura do que este pobo e este clube se merecen”.

A nova dirección do CD Foz está composta por persoas con forte vinculación ao fútbol local. Acompañando a Asier Burundarena estarán José Sevilla como vicepresidente, César Rivera como tesoureiro e Daniel García como secretario. No apartado de vogalías figuran Diego López, Andrea Rey, Cristian Domínguez, Adrián Álvarez e José Manuel Posada.

Co firme propósito de continuar facendo historia, a nova directiva comprométese a traballar pola estabilidade e proxección do club. “Seguiremos escribindo a historia deste club e seguiremos sendo o orgullo deste pobo”, rematan.

A imaxe que acompaña esta nova é obra de Goretti Rodríguez.

⚙ Configurar cookies
0.16284489631653