Nicolás Martínez: De Santa Cilla do Valadouro ao ceo do piragüismo mundial

Foz
LugoXa | AMariñaXa
O focego, Nicolás Martínez, transformou a loita contra o cancro nun camiño de esforzo e esperanza que o levou ata o título mundial
Nicolas-Martinez-piraguismo-Foz-campion-mundial-2025
8 Oct 2025

Por Ana Somoza.

O deportista de Santa Cilla do Valadouro, no concello de Foz, proclamouse recentemente campión do mundo de maratón de piragüismo na categoría KL3 sénior en Hungría. A súa vitoria nos 10.000 metros, por diante dos representantes de Xeorxia e Francia, foi moito máis ca un éxito deportivo: simbolizou a superación dunha historia vital marcada pola enfermidade, o esforzo e a esperanza. Martínez competiu co Club Fluvial de Lugo, entidade á que está fondamente agradecido porque, segundo confesou, “sen o Fluvial agora mesmo non estaría aquí, xa que foron os que me acolleron cando non era ninguén”. O seu triunfo mundial ten detrás unha longa traxectoria de constancia, marcada por momentos difíciles e por unha disciplina de adestramento que combina tanto a parte física coma a mental.

A EMOCIÓN DA VITORIA.

O piragüista recoñeceu que os últimos metros da carreira en Hungría foron unha experiencia única. Explicou que cando estaba encarando os últimos 300 metros xa se vía campión, porque os seus rivais viñan un pouco atrasados. “Non mo estaba crendo”, lembrou, pero ao cruzar a liña de meta sentiu “unha satisfacción brutal”. Ese intre quedará gravado na súa memoria como un punto culminante da súa carreira. Na súa cabeza, ao rematar a proba, apareceu unha imaxe que o acompaña sempre en momentos de esforzo: a do neno de sete anos que tivo que permanecer encamado polo cancro na perna dereita. Recordou que daquela lle dixeran que non podería practicar case ningún deporte, e por iso sentirse hoxe campión do mundo enchíalle de orgullo.

A ENFERMIDADE E A SUPERACIÓN.

A vida de Nicolás Martínez estivo marcada desde a infancia por un osteosarcoma diagnosticado aos sete anos. El mesmo contou que pasaron cinco anos nos que en cada consulta ao traumatólogo lle preguntaba se podía probar un deporte diferente, e a resposta sempre era negativa. “Despois de cinco anos atopei o piragüismo”, relatou, e ese descubrimento converteuse na súa táboa de salvación. A día de hoxe, asegura estar curado do cancro, pero convive con secuelas importantes. Ten unha prótese de fémur, outra de tibia e outra de de cadeira, menos musculatura na perna dereita e mesmo lle falta unha parte do cuadríceps. Ademais, vive cunha diferenza de 5,5 centímetros entre unha perna e a outra. Con todo, nunca deixou que esas limitacións freasen o seu camiño cara ao deporte de elite.

UN PAPEL FUNDAMENTAL.

Martínez quixo subliñar o apoio constante da súa contorna máis próxima. Destacou que a familia e os amigos son fundamentais, sobre todo nos momentos nos que as cousas non saen ben. “No último mundial todo saíu perfecto e todo o mundo está aí para felicitarte, pero cando as cousas non saen ben son eles os que están”, indicou, convencido de que ese acompañamento é o que realmente importa. Tamén dedicou palabras de agradecemento ao Club Fluvial de Lugo. Recoñeceu que foi esa entidade a que lle abriu as portas cando non era coñecido e a que o axudou a chegar ao nivel actual. “Grazas a eles conseguín ser campión do mundo e estar concentrado co equipo nacional”, afirmou, cun ton de gratitude sincera.

DÍA A DÍA.

A preparación dun campión do mundo non se improvisa. O deportista explicou que o seu día a día baséase en maximizar o rendemento, e non só durante as horas de adestramento. Apuntou que adestra practicamente todos os días da semana, e ás veces dúas veces ao día, combinando sesións de piragua, ximnasio e traballos aeróbicos. Ademais, asegurou que é necesario coidar aspectos que a miúdo se subestiman: a alimentación, o descanso ou mesmo o control do estrés. Segundo dixo, todo inflúe para poder estar ao cento por cento na seguinte sesión. Para el, a disciplina é un elemento tan importante coma a forza física.

PARTE MENTAL.

Martínez tamén puxo o acento no factor psicolóxico. Considera que a parte mental é “importantísima”, porque un deportista pode estar en condicións físicas excelentes, pero se non está ben de cabeza, ese día non renderá. A súa visión é clara: a preparación mental non se pode descoidar nun deporte tan esixente como o piragüismo de alto nivel.

ESTUDOS E DEPORTE.

A súa vida non se reduce á piragua. Nicolás marcha a Sevilla para poder compaxinar os estudos de Informática cos adestramentos. Admitiu que esa combinación é moi complicada, xa que o rendemento deportivo consume moitísimo tempo. Con todo, decidiu continuar estudando porque entende que é un camiño necesario para o seu futuro máis alá do deporte.

LEMBRANZAS.

Entre todos os momentos vividos ata agora, Martínez destacou especialmente a súa primeira competición internacional, un europeo celebrado en Portugal en 2023. Confesou que naquela ocasión sentiu por primeira vez que realmente conseguira abrirse paso. “Nicolás, conseguíchelo”, dixo para si mesmo, consciente de que estaba a superar barreiras que antes parecían imposibles.

CHARLAS E SUPERACIÓN.

O piragüista non só compite: tamén se converteu en referente para outras persoas que atravesan dificultades. Explicou que participa en charlas organizadas por entidades como a Fundación Elena Tertre, que promove o diagnóstico precoz do osteosarcoma. Indicou que o obxectivo destas sesións é transmitir aos nenos e ás familias que, aínda que teñan un problema de saúde grave, poden seguir adiante. Comentou que nelas interveñen traumatólogos de primeiro nivel europeo e que el acode como exemplo vivo de superación, compartindo escenario con pacientes que buscan esperanza.

O FUTURO: NOVOS RETOS.

Conseguido o título mundial, Martínez non pensa en relaxarse. O seu obxectivo inmediato é seguir adestrando ao máximo nivel e preparar novos desafíos. Entre eles, mencionou a posibilidade de converterse no novo campión do mundo doutra disciplina acuática, “como os 200 metros por exemplo”. A ambición e a ilusión seguen intactas, e a súa traxectoria promete máis capítulos de éxito.

NOVAS XERACIÓNS.

Preguntado sobre que mensaxe lle daría aos nenos, respondeu cunha reflexión persoal: para el o deporte foi fundamental. Lembrou que de pequeno era un rapaz moi activo e que a prohibición de practicar deporte foi un golpe durísimo. Por iso, recomendou a todos os rapaces que non deixen de buscar unha actividade que lles apaixone. “No meu caso foi o piragüismo o que me salvou”, declarou, animando ás novas xeracións a iniciarse na práctica deportiva.

INSPIRACIÓN.

A historia de Nicolás Martínez vai moito máis alá dunha medalla de ouro. É a crónica dun neno que escoitou que non podería facer deporte e que hoxe, despois de superar unha enfermidade devastadora e de convivir con secuelas permanentes, ergueuse como campión do mundo. El mesmo recoñece que cada vez que remata unha carreira ou un adestramento duro, volve á imaxe daquel neno encamado. Esa lembranza dálle forza e fai que valore cada triunfo como unha conquista persoal. A súa vida é un testemuño de resiliencia, esforzo e gratitude, que xa inspira a centos de nenos e nenas e que seguirá servindo de exemplo no futuro.

⚙ Configurar cookies
0.076064109802246